
Sonia Mauriz Pereira | Teño a grande sorte de ser parte e espectadora, desde o meu traballo no Ateneo Ferrolán, de como as mulleres viven a arte desde diferentes puntos de acción.
Durante séculos, as mulleres fomos musas, modelos, inspiración e obxecto da arte. Pero non creadoras recoñecidas, nin tampouco protagonistas do relato cultural. A historia da arte escribiuse durante moito tempo desde unha mirada masculina que nos representaba, pero raramente nos concedía a autoría.
Fronte ao home creador e medida de todas as cousas, a muller aparecía como un obxecto belo, pero a outredade do home. O que o home, como unidade de medida universal, non era.
Polo tanto, nin creaba nin consumía arte. Aínda que se atoparan exemplos como Santa Teresa de Xesús ou a famosa irmá de Mozart, de quen se conta que era mellor ca el.
Ás monxas podíaselles permitir estas cousas afastadas da maternidade; o resto de féminas ou creaban con pseudónimos masculinos, cedían a autoría da súa obra aos maridos ou deixaban de crear.
Coa modernidade tívose que empezar a aceptar que as mulleres creaban, como sempre con reticencia, moi lentamente e como un subproduto da arte de factura masculina.
Xa a mediados do século XX era innegable que as mulleres eran moi capaces de producir arte, calquera arte, e que eran moi consumidoras da mesma. Quizais a que estaba máis ao seu alcance e era a máis representativa era a literatura.
Así, hoxe é do máis común ver unha muller cun libro, incluso nestes tempos dixitais, na praia, no transporte público, nunha cafetería…
Son as principais usuarias das bibliotecas e clubs de lectura. Nunha entidade como o Ateneo podemos dar fe: dos dous clubs que organizamos, o decano, con 26 anos de historia e levado por Ánxeles Seoane, conta con case 50 lectoras, fieis á súa cita mensual.
O de Narrativa Negra, que botou a andar máis recentemente, ten xa unha ducia e medrando.
Nas visitas guiadas ao edificio ou como visitantes das exposicións tamén vemos un número significativo de mulleres, así como entre as asistentes a relatorios e presentacións de libros.
Malia ser prolíficas e innovadoras, lamentablemente non lles abandona a síndrome da impostora. Fronte a homes moi seguros de seu, ás artistas hai que empurralas a amosar. Temos que animalas e temos que consumir obra de mulleres; de nada serve gabarse de buscar igualdade se non lemos autoras mulleres ou consumimos a súa obra.
Das 11 exposicións que tivemos este ano, 7 foron de mulleres (fotografía, pintura, collage…), desde paisaxes mariñeiros como os de Browen Griffith, escenas da terra cheas de luz de Carmen Alberto, a ilustración con rostros veciñais de Carmen Martín ou a deconstrución da realidade de Gairah Praskovia. E para o vindeiro ano xa temos en axenda máis dunha exposición que vén rachar co máis habitual en canto á arte nesta comarca.
Das 60 actividades culturais organizadas este ano, atopamos a escritoras como María Solar ou Fina Roca, a investigadoras como Belén Cucillero, especialista no Padroado da Muller, ou Patricia Arias, secretaria da Fundación Otero Pedrayo. Porque vencellada á arte vai unha realidade social.
Nos obradoiros vemos a mesma tendencia, tanto en usuarias como organizadoras: as mulleres temos fame de saber e de ensinar.
Este ano tivemos obradoiros semanais de saúde emocional, de improvisación teatral, de creación de colares tradicionais galegos, de tocados da Ilustración… e preparando xa o 2027.
Quizais habería que facer un chamamento aos homes para que participen máis no consumo de arte desde abaixo, xa non tanto como creadores, senón achegándose a clubs de lectura e actividades culturais «máis populares».
Das iniciativas que xa nos achegan creadoras para vindeiras datas é de destacar a xuventude e as novas linguaxes que queren trasladar á sociedade.
Quizais este século sexa o século das mulleres. Pero para que iso suceda non abonda con que creemos: necesitamos espazos, recoñecemento, oportunidades e público. Porque a igualdade na cultura non consiste unicamente en que as mulleres poidamos subir ao escenario ou colgar os nosos cadros nas paredes. Tamén consiste en que a nosa obra sexa vista, lida, escoitada e valorada. E, sobre todo, en deixar de ser as musas da historia para pasar a escribir a historia.
