
A cooperación internacional e a innovación docente danse a man nunha nova iniciativa desenvolvida na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, na que once estudantes de terceiro curso do grao en Relacións Internacionais traballaron no deseño de posibles solucións a diferentes necesidades da poboación de Mozambique.
O alumnado participou durante o primeiro cuadrimestre no proxecto de Aprendizaxe Servizo (ApS) «Concienciando e divulgando coñecemento a través das ondas», impulsado polos profesores Félix Puime e Joaquín Enríquez no marco da materia de Xestión de Proxectos de Cooperación I.
Organizados en tres grupos de traballo, os estudantes elaboraron outras tantas propostas de cooperación para o distrito de Tsangano, centradas no acceso á auga potable, na actividade agrícola e na subministración eléctrica.
Cada equipo produciu un podcast para divulgar o seu proxecto e creou un perfil na rede social Instagram co propósito de achegar estas iniciativas á cidadanía.
Auga potable para unhas 2.000 persoas da comunidade de Tsaladzi
O acceso á auga potable é o principal obxectivo de «Auga para o futuro», a proposta elaborada por Carlos Vila, Albenis Rodríguez, Valeria Baña e Jonay Bacallado. O proxecto pretende facilitar a subministración de auga potable a unhas 2.000 persoas da comunidade de Tsaladzi, situada no distrito de Tsangano.
A iniciativa incorpora tamén o aproveitamento da enerxía solar para quentar auga en tres espazos de especial relevancia para a poboación: a escola, o centro de saúde e un punto de uso comunitario.
A proposta combina así a mellora do acceso a un recurso básico coa utilización de enerxías renovables para atender as necesidades da comunidade.
A cooperación entre familias para fortalecer a actividade agrícola
O segundo dos proxectos, denominado «Raíces de Tsangano», céntrase na mellora das condicións económicas das familias que forman parte dunha cooperativa agrícola. Belén Míguez Ramos, Alicia Antelo González e Antía Díaz Rey propoñen que as 22 familias integrantes da cooperativa realicen compras conxuntas de sementes e comercialicen de maneira colectiva as súas colleitas.
Con esta fórmula, as autoras do proxecto buscan reducir os custos de produción e aumentar a capacidade de negociación das familias á hora de vender os seus produtos.
A iniciativa aposta pola cooperación entre os propios agricultores como ferramenta para mellorar as condicións nas que desenvolven a súa actividade económica.
Electricidade para a escola, a clínica e o abastecemento de auga
A terceira proposta leva por título «Luz para Tsangano» e foi elaborada por Alex Rousseaux, Raquel Trabazo Veiga, Angela Fernandez Pita e Patricia Figueroa Brito. O equipo presenta un plan para conectar á rede eléctrica a escola ESIL, a clínica Regina Coeli e as bombas encargadas de abastecer de auga á poboación.
O proxecto céntrase, polo tanto, en infraestruturas vinculadas a tres servizos básicos para a comunidade: a educación, a atención sanitaria e o acceso á auga.
Os podcasts chegarán ás radios municipais galegas desde o 30 de novembro
O traballo desenvolvido polo alumnado do Campus Industrial de Ferrol transcenderá o ámbito académico grazas á colaboración entre a Universidade da Coruña e a asociación Emisoras Municipais Galegas (EMUGA).
Os tres podcasts comezarán a emitirse a partir do luns 30 de novembro, con periodicidade semanal, nas distintas radios locais que integran esta entidade.
A difusión dos contidos será posible grazas ao convenio de colaboración entre EMUGA e a UDC, a través da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), para a elaboración e divulgación de proxectos de Aprendizaxe Servizo.
