Longa vida á Real Academia Galega!

por Sixto Gómez Echemendía
Caricatura de José Fontenla Leal, Breogán, en “Máximos e Mínimos” de Severino Trinquete Solloso na revista Suevia (Habana, 2-X-1910, 18)

120 anos dunha institución e a teima habaneira de Fontenla Leal

Sixto Gómez Echemendía | Un día coma hoxe hai 120 anos nacía oficialmente na cidade da Coruña a Real Academia Galega, así como soa, con ese rechamante título. Pero cando penso na Academia non podo deixar de pensar en José Fontenla Leal. E cando penso en Fontenla, inevitablemente penso na Habana. Foi alí, a miles de quilómetros de Galicia, onde un grupo de emigrantes galegos liderados polo ferrolán converteu en realidade un proxecto que durante décadas fora apenas un soño.

Coautor, xunto con Jaime López Fernández, da biografía Fontenla Leal. A Galicia pensada, tiven a oportunidade de mergullarme nesa historia e de comprobar ata que punto a creación da institución galega non pode entenderse unicamente desde Galicia. A súa historia tamén ten acento cubano.

E pode parecer un tanto estrano que alguén que naceu en Cuba empregue o galego para escribir estas liñas, pero se vos dixera que o galego xa era empregado na prensa da Illa á par que xurdían en Galicia publicacións coma a do Tío Marcos d’A Portela? Aí temos A Gaita Gallega de Chumín de Céltegos para corroborárnolo xunto con gran parte das 71 publicacións periódicas creadas polos galegos na Habana. Ou quizais non saibades que había un tal Manuel Esmorís García, crego procedente de Santiago de Compostela que escribía cartas en galego no Diario de la Marina nos meses previos á creación da RAG. Esa historia está aínda por contar, pero agora falemos da Academia.

A preocupación por crear unha institución que traballase pola lingua galega viña de moi atrás. Xa no século XVIII frei Martín Sarmiento falara da necesidade de reunir persoas que traballasen sobre o idioma; no XIX sucedéronse as voces que reclamaban unha gramática, un dicionario e algún tipo de institución que dese unidade e prestixio á lingua. Xoán Manuel Pintos, Juan Antonio Saco y Arce, Valentín Lamas Carvajal, Emilia Pardo Bazán e, naturalmente, Manuel Curros Enríquez, entre outros, forman parte desa longa cadea de preocupacións e proxectos. Pero unha cousa é imaxinar unha Academia e outra ben  distinta poñela en marcha.

En 1894, Fontenla Leal e Curros Enríquez aparecen xa entre os galegos da Habana que apoian o proxecto dunha Academia Galega impulsada desde Galicia. Aquela iniciativa fracasa. En 1897, Fontenla volve á carga. Nunha carta dirixida ao presidente do Ateneo León XIII de Santiago de Compostela reclama medidas para dar unidade ao idioma e propón a elaboración dunha ortografía, unha gramática e un dicionario. En 1901, novamente desde a Habana, insiste ante Manuel Murguía na necesidade de fomentar as ciencias, as artes e a literatura galegas e de unificar a lingua. Non foi Fontenla quen descrubriu a idea, pero fixo algo trascendental: non deixar que morrese. Esa teima acompañouno durante moitos anos.

En 1904, despois da homenaxe que recibiu Curros Enríquez na Coruña, o poeta regresou á Habana con novos folgos. E foi alí onde se produciu o que poderiamos chamar o “milagre” tantas veces agardado. Manuel Murguía publicara en setembro dese ano un artigo sobre a necesidade dun dicionario da lingua galega. Curros non coñecía o texto. Foi Fontenla quen llo proporcionou. O propio poeta deixou constancia diso nunha carta a Murguía, na que se refería a Fontenla como “el más entusiasta coleccionador de cosas gallegas que tenemos en la Habana”. Pouco despois, Fontenla e José Benito Cerdeira visitaron a Curros no seu domicilio do Paseo do Prado para convencelo de que aceptase presidir o novo proxecto. Esta vez a Academia ía en serio.

Sección de Propaganda da Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega con José Fontenla Leal no centro. Arquivo da Real Academia Galega

En abril de 1905 constitúese a comisión xestora. Fontenla aparece como un simple vogal. Podería parecer, visto desde lonxe, unha figura secundaria. Nada máis afastado da realidade. Na primeira reunión da comisión, Curros recoñece expresamente a proposta de Fontenla para fundar a Academia. E Fontenla presenta as bases sobre as que debía construírse a futura institución. Esas sete bases son extraordinariamente reveladoras. A Academia debería ser allea á política e á relixión; procurar a unidade do idioma mediante unha gramática e un dicionario; estudar as ciencias, cultivar a literatura e as artes, recoller cantos e tradicións populares, organizar certames e xogos florais e crear delegacións nas principais cidades da América española. Non era simplemente unha academia da lingua. Era un proxecto cultural para Galicia.

E hai outro detalle que me parece especialmente significativo: aquelas bases, redactadas por Fontenla, foron incorporadas literalmente aos dous primeiros artigos do regulamento da nacente Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega. Non estamos, polo tanto, ante unha participación simbólica nin ante o entusiasmo dun socio máis. Fontenla foi quen deseñou unha parte esencial do proxecto que acabaría converténdose na Real Academia Galega. E fíxoo desde a Habana.

O 27 de xuño de 1905 constituíuse definitivamente a Iniciadora. Curros foi o presidente e Fontenla quedou como vogal. Máis tarde encargouse da Sección de Propaganda, da que acabaría asumindo a presidencia e desde a que traballaría durante anos para conseguir adhesións e recursos.

Mentres en Galicia Manuel Murguía e os demais preparaban a constitución da Academia, seguindo as instrucións de Fontenla quen designaba os nomes que debían compor a nómina da institución, os galegos da Habana facían o que tantas veces fixeron os emigrantes: poñer tempo, entusiasmo e diñeiro. E aquí está outra das grandes leccións desta historia. Durante os primeiros anos, a Academia dependía exclusivamente dos cartos enviados desde Cuba. Entre novembro de 1905 e febreiro de 1923, a institución recibiu da Habana máis de 71.000 pesetas procedentes fundamentalmente da Inciadora nun primeiro momento ao que se lle uníu posteriormente o Centro Galego da Habana. A realidade é que, durante os primeiros anos de vida, a Academia tivo que mirar continuamente cara ao outro lado do Atlántico para poder pagar as súas débedas, os seus gastos e mesmo os salarios do persoal. As cartas de Murguía a Fontenla son especialmente elocuentes neste aspecto. Nelas aparecen as peticións de diñeiro, as preocupacións polas débedas e a ansiedade ante os xiros que non chegaban. A Academia nacente latexaba, en boa medida, cos cartos que os galegos da Habana conseguían reunir peso a peso, ou, mellor dito, peseta a peseta.

Circular do 15 de outubro de 1894 da Comisión Xestora para a creación dunha Academia Galega. Informan da disolución do Folk-Lore e solicitan participación na nova institución. De puño e letra de Curros Enríquez ao final este engade o seu nome xunto a outros galegos máis asentados na Habana, entre eles José Fontenla Leal. Arquivo da Real Academia Galega

Por iso penso que cando falamos dos fundadores da RAG deberiamos mirar algo máis alá dos nomes que ocupan as primeiras liñas. Fontenla Leal, por exemplo, que non foi un grande escritor, que non ocupou a presidencia da Academia, que non foi un académico de recoñecido prestixio, que figuraba sempre o último da lista, que foi un obreiro, un coleccionista apaixonado de cousas galegas, un home que, segundo os seus contemporáneos, podía ser considerado por algúns como “analfabeto”, foi quen de concibir e impulsar as bases dunha institución académica.

A historia da cultura galega non foi feita exclusivamente por escritores e intelectuais. Tamén foi feita por emigrantes, por obreiros, por comerciantes, pola xente común. E eran estes precisamente os que facían avanzar os grandes proxectos. Como dixo o destacado filólogo ferrolán Ricardo Carvalho Calero, referíndose a Fontenla:

“Non era, de ningún xeito, un ‘intelectual’ era algo así como un honrado cajista, segundo se definía o Julián de La Verbena de la Paloma […] Mais, no caso de Fontenla, como promotor, e non como cultivador, das letras nativas. Un país no que as actividades do espirito estén servidas só por ‘intelectuais’ sería como unha relixión na que todos os fieis fosen exclusivamente ‘sacerdotes’ […] Homes como Fontenla, modestos mais activos, sinxelos mais instruidos, son necesários para facer realidades as ideias dos pensadores.”

Deste xeito, o 30 de setembro de 1906, cando na Coruña se celebrou a sesión inaugural da xa Real Academia Galega e a institución nacía oficialmente, levaba polo menos un ano de vida efectiva grazas ao traballo desenvolvido na Habana. E por iso, ao celebrar agora os 120 anos desta institución, creo que deberiamos lembrar que antes de ter estatutos, título de Real ou sede social, xa tiña un motor impulsor desde a outra beira do Atlántico.

E aquí permítanme unha pequena reflexión persoal. Antes dixen que quizais algún lector de El Departamental se preguntase que fai un cubano escribindo en galego. E a resposta creo que está precisamente na historia que acabo de contar. E hai algo máis que me une persoalmente á Academia.

Na Universidade da Habana existe a Cátedra de Lingua e Cultura Galegas. Alí, cos seus altos e baixos e atravesando as dificultades propias dunha institución que depende de axudas que ás veces non chegan, continúa difundíndose a lingua e a cultura galegas entre os descendentes de galegos na Illa. Foi alí onde eu aprendín as primeiras nocións nesta lingua e foi a través desta institución e como parte dun programa auspiciado pola RAG que viaxei por primeira vez a Galicia. Dalgún xeito para min a miña historia persoal pecha un círculo. Un galego emigrado á Habana a finais do século XIX dedicou boa parte da súa vida a conseguir que Galicia tivese unha Academia da súa lingua. Máis dun século despois, un cubano, descendente daquela mesma historia de emigración, aprende galego na Universidade da Habana e acaba escribindo sobre Fontenla e sobre a institución que el contribuíu decisivamente a crear. Quizais non sexa unha casualidade tan grande.

Palacio do Centro Galego da Habana, onde radicou por moitos anos a Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega. Archivo Nacional de Cuba

A Real Academia Galega cumpre 120 anos. Celébrase na Coruña, pero a súa memoria lévanos tamén á Habana. Lévanos a Curros, a Fontenla, a Chané, a Adelardo Novo, e a tantos e tantos galegos que entenderon que amar a Galicia desde a emigración non consistía en laiarse da maneira morriñenta, segundo o típico estereotipo galego, senón que cumpría facer algo concreto. E fixeron moito.

Fontenla e outros actuaron durante décadas. Teimaron pola lingua cando o proxecto fracasaba en Galicia, insistiron cando outros desistían, convenceron a excépticos, redactaron bases e convocatorias, axudaron a organizar unha asociación de xeito altruista, recadaron fondos e o que é máis importante mantiveron viva a chama do galego.

Síntome dalgún xeito comprometido con ese enorme legado histórico que non podemos permitir que se perda e ao que temos que contribuir todos, defendendo desde as nosas accións cotidiás o mantemento dunha lingua e dunha maneira de vivir e de sentir común a todos os galegos.

120 anos máis para a Real Academia Galega!

También te puede interesar