
As tres universidades públicas galegas avanzan na creación dun protocolo común de acompañamento psicolóxico ao alumnado. Representantes da Universidade da Coruña (UDC), da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade de Vigo (UVigo) mantiveron o pasado venres 18 de setembro un encontro de traballo no Campus Industrial de Ferrol para continuar definindo esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración co Servizo Galego de Saúde (Sergas).
A reunión celebrouse na sede da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIIFC), adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía. Por parte da UDC participaron a vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director do Programa Afrontemos, Valentín Escudero.
Á cita acudiron tamén a responsable do Servizo de Atención Psicolóxica da USC, Ana López, e o responsable do Programa de Acompañamento Psicolóxico ao Estudantado da UVigo, Ricardo Fandiño.
O Programa Afrontemos da UDC suma 577 persoas atendidas desde 2021
O encontro de Ferrol forma parte das reunións programadas para avanzar na posta en marcha dun protocolo compartido polas tres institucións que permita artellar o acompañamento psicolóxico ao estudantado do Sistema Universitario de Galicia.
Durante a visita, os representantes universitarios coñeceron tamén o funcionamento do Programa Afrontemos da UDC, unha iniciativa destinada a prestar atención psicolóxica á comunidade universitaria e ás súas familias.
Desde a súa posta en marcha en 2021 e ata o pasado 15 de setembro, Afrontemos atendeu un total de 577 persoas. Delas, 248 recibiron asistencia presencial, mentres que outras 329 foron atendidas en liña.
O programa establece un máximo de seis sesións de terapia por persoa usuaria e ofrece a primeira cita nun prazo inferior aos 15 días. Actualmente conta coa colaboración de sete profesionais da psicoloxía especializados nos ámbitos clínico e sanitario.
A experiencia acumulada por este servizo da Universidade da Coruña foi un dos elementos abordados durante unha xornada de traballo coa que as tres universidades continúan dando pasos para coordinar a atención e o acompañamento psicolóxico do estudantado universitario galego.
