Unha pequena peza bañada en ouro apunta á illa grega de Rodas entre os achados do Castro de Esmelle

por

Imaxe de familia de autoridades e investigadores / Cedida

Apenas mide un centímetro de diámetro, pero converteuse nun dos achados máis singulares da cuarta campaña arqueolóxica do Castro de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro. Trátase dunha pequena peza pertencente a un colar de contas de vidro bañado en ouro que, segundo as primeiras pescudas, podería ser orixinario da illa de Rodas, en Grecia.

A peza forma parte dos numerosos materiais arqueolóxicos, especialmente cerámicos, que están a aparecer durante os traballos. Non é, con todo, o único descubrimento relevante. Hai apenas un par de días, o equipo de escavación atopou varios fragmentos pertencentes a unha mesma vasilla decorada con motivos sogueados, un elemento característico da cultura castrexa.

Os traballos recibiron este mércores unha visita institucional encabezada pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros Barros. Á comitiva sumáronse tamén a concelleira de Turismo e Patrimonio Histórico, Maica García Fraga; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons Formoso; o delegado territorial de Cultura, Severino Álvarez Monteserín; o presidente da Fundación L. Monteagudo, Alfredo Eiras Martínez, e o seu secretario, Santiago Vázquez Collazo.

O percorrido estivo guiado polo director científico da campaña e profesor de Historia Antiga da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC), Juan Luis Montero Fenollós, e polo director técnico e investigador do Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez. Durante a visita, as autoridades puideron coñecer de primeira man os últimos descubrimentos e os avances realizados na escavación.

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, destacou o valor formativo dun proxecto que lle ofrece ao estudantado a oportunidade de participar nunha escavación arqueolóxica de primeiro nivel, «adquirindo experiencia práctica e traballando en contacto directo co patrimonio cultural».

Ares aproveitou tamén para agradecer a colaboración das administracións, entidades e persoas que fan posible o proxecto, así como o interese que esperta entre os veciños e veciñas da cidade e da comarca.

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, destacou que «campaña tras campaña, o Castro de Esmelle está a converterse nun referente non só a nivel local, senón tamén no ámbito da investigación arqueolóxica en Galicia. Os achados que aquí se están a realizar axudan a reconstruír a nosa historia e a comprender mellor como vivían as comunidades que habitaron estas terras hai séculos».

O rexedor subliñou que o proxecto é posible grazas á colaboración entre institucións. «Desde o Concello de Ferrol respaldámolo mediante un convenio que se prolongará durante catro anos máis, permitindo así dar continuidade aos traballos», explicou. Máis aló do ámbito académico, Rey Varela lembrou que estas escavacións «son tamén unha ferramenta clave para fomentar o turismo cultural».

fragmentos dunha mesma vasilla decorada con motivos sogueados. / Cedida

O director científico desta cuarta campaña arqueolóxica e director da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, Juan Luis Montero Fenollós, explicou que os traballos desenvolvidos no Castro de Esmelle permiten coñecer «cada vez mellor» a complexidade da sociedade castrexa: o seu modo de vida, o urbanismo, a cultura material, as relacións comerciais e, en definitiva, a organización dunha comunidade que continúa ofrecendo información de gran valor científico e patrimonial.

«Cada nova campaña confirma o enorme potencial arqueolóxico deste xacemento», concluíu.

Novos sectores de intervención

A campaña, iniciada o pasado 13 de xullo, continúa ampliando o coñecemento dun castro da Idade do Ferro cunha superficie estimada de 20.000 metros cadrados e tres aneis defensivos.

Nas campañas anteriores descubriuse unha rúa pavimentada, situada na entrada principal do asentamento, na que aínda se continúa a traballar, así como un edificio alongado e un torreón defensivo.

Nesta cuarta escavación arqueolóxica abríronse tres novos sectores de intervención: un centrado no acceso ao castro, outro situado xunto ao gran edificio colectivo e un terceiro na croa, ao carón do primeiro recinto amurallado escavado.

A campaña continuará durante o mes de agosto cos traballos de restauración e consolidación de varios dos edificios descubertos, así como coa elaboración dun plano topográfico de alta precisión de todo o xacemento.

Imaxe dun dos achados / Cedida

Un equipo integrado por preto de 20 persoas

Juan Luis Montero Fenollós e Samuel Nión Álvarez, director científico e director técnico, respectivamente, lideran un equipo de traballo integrado por preto de 20 persoas. Está formado maioritariamente por estudantado universitario, persoas recentemente tituladas e persoal investigador vinculado á Universidade da Coruña (UDC), á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e á Universidad Complutense de Madrid (UCM).

Un ano máis, a campaña arqueolóxica está impulsada pola Universidade da Coruña e polo Concello de Ferrol, a través da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial. A intervención conta tamén, por segundo ano consecutivo, co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude.

«Aberto por Escavación», visitas guiadas gratuítas

A proposta divulgativa «Aberto por Escavación» ten programadas novas visitas guiadas gratuítas ao Castro de Esmelle. Terán lugar este xoves 30, ás 11:00 e ás 16:00 horas, e o venres 31 de xullo, ás 11:00 horas.

O punto de encontro será o local da Asociación de Veciñal Val de Esmelle. Ao longo do último ano, o xacemento recibiu arredor de 1.400 visitas. Desde o pasado mes de febreiro, os percorridos están guiados pola especialista Lucía Brage, grazas ao convenio de colaboración asinado entre a Universidade da Coruña e a Fundación Luis Monteagudo.

También te puede interesar