A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto “INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental”. O equipo investigador deste proxecto está liderado por Gloria González Fortes, investigadora sénior do programa Beatriz Galindo do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e asociada ao CISPAC, xunto con Aurora Grandal d’Anglade, profesora titular de Paleontoloxía da UDC, directora do Instituto Universitario de Xeoloxía (IUX) e tamén asociada ao CISPAC; e Fernanda Rodríguez Fariña, responsable do Servizo de Bioloxía Molecular dos Servizos Centrais de Investigación (SAI) da UDC.
Así mesmo, o proxecto contará coa colaboración de especialistas das universidades de Copenhague e Toulouse, do Centro de Investigación Leibniz-IZW de Berlín e do Museo delle Civiltà de Roma, entre outras institucións internacionais.
Reconstruír a historia dos linces europeos
INTERLYNX centrarase no estudo paleomolecular —mediante análise de ADN e proteínas antigas— das tres especies de lince que habitaron o suroeste de Europa desde o Pleistoceno ata tempos históricos: o lince ibérico, o lince boreal e o lince das cavernas.
Estas 3 especies coexistiron durante miles de anos na Península Ibérica e investigacións recentes demostraron que existiron procesos de hibridación entre o lince ibérico e o lince boreal, que mesmo puideron contribuír a incrementar a diversidade xenética da especie ibérica. Con todo, aínda se descoñece cando se produciron estes intercambios xenéticos, que poboacións ancestrais participaron neles e cal foi a súa relación coas poboacións actuais de lince boreal.
Os resultados da investigación contribuirán a reconstruír a historia evolutiva dos linces europeos e poderán identificar posibles fontes de restauración xenética de interese para futuros programas de conservación do lince ibérico en España e do lince boreal no norte e sureste de Europa.
