
Posta de sol na praia da Frouxeira (Valdoviño) onde actuará Luar na Lubre I Fotografía J. Enríquez
A Deputación da Coruña celebrará o vindeiro 12 de agosto a eclipse solar total con catro concertos gratuítos noutros tantos espazos emblemáticos da provincia. Luar na Lubre, Milladoiro, Treixadura e Susana Seivane protagonizarán «Os Concertos da Eclipse», unha programación especial concibida para acompañar un dos fenómenos astronómicos máis excepcionais do século.
A eclipse producirase durante as últimas horas da tarde e poderá observarse desde diferentes puntos da provincia. Trátase dunha oportunidade histórica, xa que Galicia non vivía unha eclipse total de Sol desde 1912 e este fenómeno non volverá repetirse na comunidade ata o ano 2180.
Con motivo desta cita, a Deputación levará a música galega a catro localizacións singulares, tanto da costa como do interior. Luar na Lubre actuará na praia da Frouxeira, en Valdoviño; Milladoiro ofrecerá un concerto na Alameda de Esteiro, en Muros; Treixadura subirá ao escenario na contorna do lago das Pontes, e Susana Seivane completará a programación no paseo da Calafigueira, xunto á lonxa de Fisterra.
As actuacións comezarán ás 21.30 horas, unha vez rematada a observación da eclipse, e coincidirán co solpor. A proposta busca converter a provincia nun gran escenario ao aire libre no que vivir colectivamente un acontecemento extraordinario, combinando música, cultura e divulgación científica e ambiental.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, salientou que se trata dunha «oportunidade histórica para vivir en compañía da familia e dos amigos un fenómeno que non volverá repetirse en Galicia durante máis de 150 anos».
«Queremos que a cidadanía poida gozar desta xornada extraordinaria en espazos únicos da nosa provincia e acompañada pola música dalgúns dos artistas e formacións máis representativos da cultura galega», afirmou.
Ademais de achegar este fenómeno astronómico á cidadanía, a iniciativa pretende reforzar o atractivo turístico dos concellos participantes, dinamizar a actividade económica local e poñer en valor algúns dos espazos naturais máis representativos da costa e do interior da provincia.
A programación arredor da eclipse comezou antes do verán coa organización de xornadas informativas nos centros escolares da provincia, nas que se distribuíron lentes homologadas e se ofreceron recomendacións para observar o fenómeno de maneira segura.
O propio 12 de agosto desenvolveranse tamén accións divulgativas sobre a eclipse, con indicacións para contemplala sen riscos e información sobre a importancia de preservar a calidade do ceo nocturno.
Con «Os Concertos da Eclipse», a Deputación da Coruña propón transformar unha cita astronómica histórica nunha experiencia cultural compartida, acompañada por algunhas das voces e formacións máis representativas da música tradicional galega.
