
A vicerreitora Ana Ares no stand que a UDC tivo en Equiocio Ferrol | Cedida
A Universidade da Coruña (UDC) estivo presente na 35ª edición de Equiocio Ferrol, que tivo lugar do 6 ao 9 de agosto no Campo das Cabazas, en Covas, cun espazo expositivo propio desde o que puido dar a coñecer o seu labor nos eidos da docencia, da investigación e da innovación. Ademais, aproveitou este encontro para divulgar a súa oferta académica no Campus Industrial de Ferrol.
A universidade deu a coñecer algúns dos principais programas e servizos impulsados desde a Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social. Deste xeito, as persoas asistentes a Equiocio Ferrol puideron coñecer de primeira man servizos como a UDC Saudable, a iniciativa orientada á promoción da saúde física, emocional e do benestar da comunidade universitaria, e Espazo Compartido, o programa universitario destinado a promover a autonomía persoal e a inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual e/ou con Trastorno do Espectro Autista (TEA).
Os asistentes tamén coñeceron os pormenores da Clínica Xurídica, que lle permite ao estudantado colaborar na resolución de retos e necesidades reais de persoas en risco de exclusión social, o Programa Afrontemos, centrado na promoción da saúde mental, e de todo o traballo realizado desde a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV).
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, salientou que «a participación en Equiocio Ferrol reforza o compromiso da Universidade da Coruña (UDC) cunha universidade aberta e próxima á sociedade». Ares destacou tamén que esta colaboración foi «unha oportunidade máis para amosar que a institución non só forma profesionais e xera coñecemento, senón que tamén impulsa iniciativas que transforman de xeito positivo a vida das persoas e que fortalecen a cohesión social”.
Tres charlas abertas ao público
Durante Equiocio Ferrol tiveron lugar tres charlas divulgativas co obxectivo de achegar ao público asistente a algunhas das súas iniciativas en materia de responsabilidade social, saúde e benestar. A primeira delas, titulada “UDC con impacto: universidade, compromiso e transformación social”, tivo lugar o xoves 6 de agosto, ás 18:00 horas. A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, reflexionou sobre o papel da universidade na construción dunha sociedade máis inclusiva, sostible e comprometida coas persoas e co territorio.

A vicerreitora nun momento da charla en Equiocio I El departamental
Así mesmo o venres 7 de agosto celebrouse a charla “Más tempo para vivir: claves para unha xestión saudable do tempo”, impartida pola estudante do grao en Terapia Ocupacional da Universidade da Coruña (UDC), Elena Pernas. Para rematar, o sábado 8, tivo lugar o relatorio “Coida a nosa saúde mental: recursos da UDC Saudable e de Afrontemos”, da man da técnica da UDC Saudable, Cristina Martínez, quen deu a coñecer os recursos e programas que a institución pon ao dispor da súa comunidade para promover o benestar emocional e a saúde mental.
