
A ciencia sairá dos laboratorios este venres 25 de setembro para achegarse á cidadanía no Campus Industrial de Ferrol. O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) será un dos escenarios da sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), cun programa de dez actividades que permitirá experimentar coa robótica, a enerxía mariña, a radiación nuclear, a impresión 3D ou mesmo descubrir a ciencia que se agocha na cociña.
As propostas forman parte das máis de 40 actividades gratuítas organizadas pola Universidade da Coruña (UDC) nos campus da Coruña e Ferrol con motivo desta iniciativa de divulgación científica. Baixo o lema “Conciencias creativas”, a institución abrirá os seus centros de investigación e levará tamén diferentes experiencias a museos, centros culturais e espazos públicos.
No caso de Ferrol, a programación da mañá estará reservada aos centros educativos participantes. Pola tarde, entre as 17:00 e as 20:00 horas, nove das dez actividades estarán abertas ao público xeral.
Do cancro e a robótica á enerxía do océano e o deseño de buques
O programa preparado polo CITENI aposta por converter conceptos científicos e tecnolóxicos en experiencias prácticas. Unha das propostas será “Luminis·Ciencia: como iluminar o cancro para estudalo”, desenvolvida coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro. Nela amosarase como se poden utilizar proteínas que emiten luz para marcar células e analizar a actividade das células tumorais.
A enerxía terá tamén un importante protagonismo. “Conecta o océano, a enerxía do futuro” permitirá coñecer as posibilidades enerxéticas do medio mariño e afrontar pequenos retos de enxeñaría mediante a construción de aeroxeradores e paneis solares con pezas de Lego.
Os materiais sustentables chegarán con “Plásticos que desaparecen”, unha aproximación aos biopolímeros e aos factores que determinan a súa degradación. Pola súa banda, “Polímeros sostibles para a impresión 3D” achegará aos participantes á fabricación aditiva e aos novos materiais empregados nesta tecnoloxía.
A relación entre o corpo e as máquinas será o punto de partida de “Do ser humano á máquina, enredando coa enxeñaría mecánica”, mentres que “A mecánica de fluídos na cociña” trasladará a física fóra do laboratorio para explicar procesos tan cotiáns como a mestura, o quecemento ou o comportamento dos líquidos.
A G-Night permitirá tamén achegarse á robótica intelixente nunha actividade desenvolvida coa colaboración do CITIC. Os participantes poderán descubrir como os sensores e a intelixencia artificial permiten aos robots percibir o seu contorno, tomar decisións e modificar o seu comportamento.
Entre as experiencias máis visuais estará a dedicada á radiación nuclear e á supercondutividade, na que unha cámara de néboa permitirá observar as trazas producidas por partículas procedentes da radiación. A actividade incluirá tamén experiencias relacionadas coa levitación magnética.
As matemáticas terán o seu propio espazo coa colaboración do CITMAga, empregando materiais manipulables para resolver problemas e comprobar, entre outras cuestións, como é posible construír superficies curvas a partir de liñas rectas.
Completa a oferta “Canto sabes de deseño de buques?”, unha proposta especialmente vinculada coa identidade industrial e naval do campus ferrolán coa que se explicará por que flotan os barcos, como se distribúe a carga nunha embarcación e que elementos deben terse en conta á hora de deseñala.
Máis de 40 actividades da UDC na Coruña e Ferrol
A programación ferrolá intégrase nunha G-Night na que a Universidade da Coruña desenvolverá máis de 40 propostas. Na Coruña haberá actividades en espazos como a Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o CITEEC, o CITIC, a Domus, o MUNCYT, o Museo de Belas Artes e a Dársena da Mariña.
Intelixencia artificial, realidade virtual, saúde, biodiversidade, contaminación, inmunoterapia, economía, enxeñaría ou bioloxía mariña serán algunhas das áreas que se abordarán mediante obradoiros, demostracións, visitas e charlas para diferentes idades.
A G-Night é a celebración galega da European Researchers’ Night, iniciativa de divulgación científica que se desenvolve simultaneamente en preto de 400 cidades de 40 países e reúne cada ano a máis dun millón e medio de participantes.
En Galicia está coordinada pola Universidade de Vigo e conta coa participación da Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela, ademais de centros e institutos de investigación e outras entidades. A edición de 2026 reunirá máis de 150 actividades e máis de 500 persoas investigadoras en diferentes localidades galegas.
