A Real Academia Galega de Belas Artes celebra o bicentenario de Marcial del Adalid con dous grandes concertos de corais

por

A Real Academia Galega de Belas Artes celebra o bicentenario do compositor Marcial del Adalid con dous grandes concertos de corais na Coruña. A cita reunirá a oito históricas corais galegas, todas elas posuidoras da prestixiosa Medalla “Marcial del Adalid, que se unen de xeito desinteresado para esta conmemoración co patrocinio do Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Cultura e Turismo. A entrada será totalmente de balde ata completar o aforo do teatro.

Un programa en dúas xornadas co mellor do canto coral gallego

O ciclo estruturarase en dous días de recitais que percorrerán a xeografía e a historia musical de Galicia:

Mércores, 9 de setembro: Participarán a Coral Polifónica de Bergantiños (Carballo), Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela), a Coral Polifónica El Eco (A Coruña) e o Real Coro Toxos e Froles (Ferrol).

Xoves, 10 de setembro: Será a quenda da Coral De Ruada (Ourense), a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, o Coro Galego Cántigas da Terra (A Coruña) e a Coral Polifónica Follas Novas (A Coruña).

Reivindicación da memoria colectiva e do patrimonio vivo

Marcial del Adalid é unha figura clave do Rexurdimento e da identidade musical galega, recoñecido por saber irmandar a vangarda europea coa raíz popular. Con este encontro, a RAGBA quere reivindicar o papel fundamental dos coros como gardas da memoria colectiva desde o século XIX ata os nosos días.

Dende a Academia destacan a relevancia institucional e cultural deste fito: “A participación destas corais non é só un acto de homenaxe ao Mestre Adalid, senón unha mostra da vitalidade e o prestixio do noso patrimonio sonoro. Dous séculos despois do seu nacemento, estas agrupacións seguen proxectando a sensibilidade do compositor. Ao reunilas, non só celebramos o pasado, senón que reafirmamos o compromiso de Galicia coa excelencia artística e a preservación da súa memoria colectiva. Que estas voces resoen como o testemuño vivo dunha terra que canta á súa historia e mira con orgullo cara ao seu futuro”.

A Real Academia Galega de Belas Artes convida a todo o público coruñés e galego a sumarse a esta gran celebración da música, a tradición e o futuro da nosa cultura.

También te puede interesar