
O Concello de Valdoviño anunciou a apertura do proceso de licitación para dúas importantes actuacións de acondicionamento de camiños nas parroquias de Loira e Sequeiro. O proxecto conta cun orzamento conxunto que supera os 83.000 euros e céntrase en viais estratéxicos para o sector primario local.
En concreto, as obras proxéctanse no camiño da Bedoxa, situado na parroquia de Sequeiro, e no camiño de Donelle, na parroquia de Loira. Ambas intervencións executaranse con cargo ao Plan Camiña Rural 2025-2026, unha iniciativa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) destinada especificamente á mellora de infraestruturas viarias en zonas agrícolas que prestan servizo a explotacións agrarias ou gandeiras.
Prazo de presentación de ofertas
O proceso de contratación xa se atopa en marcha. As empresas interesadas en optar á execución destes traballos teñen de prazo ata o vindeiro 10 de setembro para presentar as súas propostas económicas e técnicas. Os pregos de condicións e toda a documentación correspondente están dispoñibles para a súa consulta na Plataforma de Contratación do Sector Público.
