
A poucos días de que a cidadanía estea chamada ás urnas nas eleccións xerais do vindeiro domingo, 29 de novembro, El Departamental conversa este mércores con Manuel Polo, candidato número tres do Bloque Nacionalista Galego (BNG) ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña.
Con 37 anos de militancia no nacionalismo galego, Manuel Polo aborda as principais reivindicacións da formación para Ferrolterra, Eume e Ortegal, o futuro industrial da comarca, as dificultades nas comunicacións ferroviarias, o acceso á vivenda e a capacidade de influencia que podería ter o BNG nas Cortes Xerais durante a próxima lexislatura.
A candidatura ao Congreso e a defensa dos intereses de Galicia
— Por que decidiches dar o paso para estar na candidatura do BNG ao Congreso dos Deputados? Que cres que podes achegar a Ferrolterra desde Madrid?
— Din o paso porque son militante do nacionalismo desde hai 37 anos. Sempre fun unha persoa activa, comprometida e sempre tiven a inquedanza de mellorar a vida das persoas e da nosa contorna.
A nosa idea é defender os intereses da comarca e do país e, evidentemente, que Ferrolterra poida avanzar en aspectos fundamentais como o emprego, as comunicacións, a vivenda e as condicións de vida das persoas.
— O BNG defende a necesidade de contar cunha voz propia de Galicia nas Cortes Xerais. Que asuntos consideras que os grandes partidos estatais non atenden suficientemente?
— As nosas infraestruturas e o complexo integral da ría para o naval, que está absolutamente abandonado e que o bipartidismo non foi capaz de resolver.
Unha forza como o BNG é precisa para que isto poida estar no debate, nun Congreso onde ningunha forza terá previsiblemente maioría absoluta, para que as nosas propostas poidan saír adiante.
É fundamental a mellora da industrialización da comarca no naval, así como a tarifa eléctrica galega e a creación dunha empresa eléctrica pública que vaia recuperando os encoros segundo vaian finalizando as concesións e que poidan ser o apoio da tarifa eléctrica do futuro. Isto ningunha forza estatal o vai atender.
O futuro industrial de Ferrolterra e a diversificación de Navantia
— Que modelo industrial propón o BNG para diversificar a economía galega?
— Temos que ter unha industria que estea en sintonía co país, que desenvolva as súas potencialidades. O exemplo témolo co bipartito na Xunta, cando se fixo o concurso eólico. Tratábase de vincular as explotacións dos parques eólicos a proxectos produtivos, algo que Feijóo eliminou inmediatamente, en prexuízo das empresas.
Temos que buscar unha vinculación entre o que podemos producir e o que podemos facer co territorio, cunha planificación. Todos os sectores teñen que ter o seu ciclo produtivo.
Hai que traer novas empresas á comarca, pero sempre respectando a nosa contorna, o noso medio ambiente e, ao mesmo tempo, que produzan emprego de calidade.
— Que posición adoptará o BNG ante un incremento dos investimentos en Navantia?
— Navantia ten que ter maiores investimentos, pero cun obxectivo. Non pode estar só á expectativa da industria militar.
Navantia Fene-Ferrol ten que ser un complexo no que se poida facer construción naval civil, plataformas e buques offshore e outros tipos de produtos, como a eólica mariña ou proxectos futuros.
Ademais diso, temos que ter a capacidade de facer turbinas, facer reparacións e ter unha actividade industrial durante os 365 días do ano, evitando os picos de traballo que hai no naval pola súa propia configuración.

A modernización das comunicacións ferroviarias
— As infraestruturas ferroviarias constitúen unha reivindicación histórica do BNG. Que actuacións defenderías como prioritarias e que instrumentos parlamentarios utilizarías para conseguilas?
— Temos que conseguir que se aprobe unha rede interior de Galiza de trens de proximidade e que iso vaia acompañado dunha empresa pública galega que a xestione.
Hai que unir todas as capitais galegas cun ferrocarril electrificado, cuns tempos razoables, e non teñen que ser altas velocidades. Poden ser de 120 ou 150 quilómetros por hora para traxectos como Ferrol-A Coruña, A Coruña-Lugo ou Ferrol-Lugo, entre outros.
Isto é básico para a mobilidade das persoas e para a mobilidade das empresas. É moito máis ecolóxico e moito máis sostible.
O autogoberno galego e unha posible investidura
— Outra das demandas históricas do BNG é unha maior capacidade de decisión para Galicia. Que competencias consideras prioritario transferir e como repercutiría ese cambio na vida cotiá dos veciños de Ferrolterra?
— Teríamos que recadar nós integramente os impostos e non ter unha cesión do Estado. Traspasar a Galiza a Seguridade Social, o que permitiría xestionar mellor todas as prestacións e as pensións.
Tamén o traspaso a Galiza doutras competencias en materia de costas, de tráfico, de seguridade… Hai moitas competencias que figuran no noso Estatuto de Autonomía e que, a día de hoxe, están sen explotar.
A costa galega ten agora un cruzamento de competencias. A actual Xunta conseguiu unha pequena competencia nos últimos anos, pero temos que ter máis capacidade para o noso propio autogoberno.
— Se o voto do BNG resultase decisivo para a investidura do presidente do Goberno, que compromisos concretos esixirías para Ferrolterra, Eume e Ortegal?
— Eu dígoo sempre: canto tes? Canto vales. O noso peso político o día 30, despois das eleccións, vai poder condicionar ese suposto. Se o BNG ten catro, cinco ou seis deputados, non é o mesmo que se ten un ou dous.
Que imos poñer enriba da mesa? A nosa axenda, a que levamos no noso programa electoral. Cuestións básicas en infraestruturas e imos traballar en todo o tema das transferencias para Galiza, en que a AP-9 sexa galega e gratuíta e en que o transporte ferroviario estea coordinado con todo o país.
Tamén en cuestións sociais que nos afectan aos cidadáns de todo o Estado: reducir a xornada laboral a 35 horas, subir as pensións e o salario mínimo ao 60 % do salario medio e mellorar o tema da vivenda. Os decretos parche non son a solución. Hai que poñer diñeiro para vivenda e non para armas, limitar os prezos e fomentar a vivenda social.
Non hai que esquecer que as competencias en materia de vivenda as ten a comunidade autónoma e que o Estado fai a lexislación.
O acceso á vivenda e o futuro do rural
— Xa que falas de vivenda, cal é a postura do BNG nesta materia?
— Hai que construír vivenda social con prezos limitados, que todas as vivendas que ten a Sareb pasen a ser públicas e que a Xunta de Galicia as poida xestionar para alugueiro social ou para a súa venda como vivenda social.
Logo hai que ir concello a concello para ver cuestións concretas, para ver o parque de vivenda que existe a día de hoxe desocupado. Facer unha análise e ver que medidas hai que tomar para que estas vivendas poidan ser ocupadas.
Non hai que construír por construír. Neste século construíronse moitas vivendas e moitas están desocupadas. Tamén hai que ver os temas de rehabilitación, para non ocupar espazos dunha forma descontrolada. Ten que ser sostible e razoable.
— O envellecemento, a despoboación e a falta de oportunidades afectan especialmente aos municipios rurais da comarca. Que medidas defenderías no Congreso para reverter esta situación?
— A Lei de Facendas Locais e a redistribución do diñeiro entre os concellos é o primeiro paso para darlles fortaleza aos municipios galegos. Moitos dos nosos municipios son máis grandes que os do resto do Estado. Somos 313 concellos fronte aos 8.000 que hai en todo o Estado.
Temos que fortalecer ese financiamento e, se o BNG ten peso, vai poñer enriba da mesa cuestións claras como a dispersión da poboación, que fai que os servizos custen máis en Galiza que en calquera outra parte do Estado.
O envellecemento da poboación e os recursos necesarios para prestar os servizos básicos, como os servizos sociais, teñen que estar recollidos neste financiamento.
Todo isto ten que estar coordinado coa Xunta de Galicia, que debe tomar en serio este tema, con vilas pequenas e medianas que están perdendo poboación, e non intentar solucionar isto co turismo.
A capacidade de influencia do BNG e os compromisos coa cidadanía
— Que lle responderías a un elector que comparte algunhas reivindicacións do BNG, pero considera que un partido nacionalista ten menos capacidade de influencia que unha formación de ámbito estatal?
— Neste momento, coa configuración que ten o Congreso, que se vai manter ou agudizar no próximo, imos ver moitas formacións nacionalistas ou territoriais e é importante ter forza aí, ante dous grandes bloques de esquerda e dereita. No medio deles imos estar todas as forzas dos diversos territorios.
Nós non podemos permitir que o debate a oito deste xoves pola noite exclúa o BNG por ter pouca representación. Nese debate ten que estar o BNG, que ten un apoio grande.
O BNG é garantía de políticas de esquerdas, de defender este país a tope e de parar a dereita e a ultradereita. Nas provincias galegas o último escano xogámolo nós, o PP e Vox, e non sentimos que a competencia sexa co PSOE neste caso. Canto máis BNG haxa no Congreso, menos PP e menos Vox e menos oportunidades de que a dereita tan reaccionaria entre no poder.
— Que compromisos concretos estarías disposto a asumir coa cidadanía da comarca e como podería comprobar, dentro de catro anos, se se cumpriron?
— O primeiro compromiso é a coherencia. Nós imos defender o mesmo que dicimos na campaña, que dicimos nos concellos e no Parlamento galego, tamén en Madrid.
Nós defendemos no Congreso dos Deputados que se avanzase na rolda oeste de Fene. Unha vía moi pequena que une o polígono de Vilar do Colo, a AP-9 e a N-651 coas rotondas de San Valentín e Astano, de 1,5 quilómetros, unha infraestrutura pequena. O PP votou en contra e o PSOE abstívose.
Fixemos a mesma xestión no Parlamento de Galicia a través de Xosé Manuel Golpe. O PP dixo que era moi importante, que pasaban 19.000 vehículos por Fene, que isto era unha forma de poder quitalos de aí e que estaba incluída no Plan de Estradas de Galicia.
Con esta coherencia queremos tratar todos os problemas que ten a sociedade e nós levarémolos ao Congreso dos Deputados.

Ferrolterra, Eume e Ortegal: as prioridades para a próxima lexislatura
— Cal consideras que é o principal problema de Ferrolterra nestes momentos?
— En canto a infraestruturas, é evidente que o tren. Non ter tren a Ferrol o está lastrando. Non vale de nada ter un tren ao Porto Exterior que logo non vaia a ningún lado. Hai moitas dificultades para trasladarse, sexan mercadorías ou persoas.
O tren é un tema de futuro, que fará que Ferrol sexa unha cidade máis dinámica a todos os niveis, tanto a nivel de cidadanía como de industrias.
— Que actuación do Goberno de España consideras máis urxente para a comarca?
— O complexo integral da ría. Necesitamos unha Navantia Fene-Ferrol moito máis dinámica, máis potente e diversificada, integrada coa Universidade, sacando proxectos de futuro adiante e creando moitísimo emprego.
— Que solución propós para mellorar as comunicacións ferroviarias de Ferrol?
— O que pide o BNG é algo moi básico: eliminar o rodeo de Betanzos e ter unha dobre vía electrificada. Iso é relativamente sinxelo.
Para nós sería básico algo parecido entre Ferrol e Ortigueira, no sentido de electrificar a vía e duplicala nos tramos que se vexan necesarios, para poder ter un tren de proximidade que dinamice toda a zona do Ortegal.
— Que debe facerse para que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida sen abandonar a comarca?
— A base é ter emprego aquí. Non vale de nada ter vivenda se non temos xente.
Temos que buscar a dinamización do complexo integral da ría, a tarifa eléctrica galega e a empresa pública galega de enerxía, para que as industrias poidan instalarse aquí porque teñan un prezo moi competitivo.
Tamén favorecer a diversificación industrial e integrala co coñecemento das universidades e dos centros de Formación Profesional da comarca, para que a xente poida estudar aquí e poder traballar diso aquí.
