
O Concello de Valdoviño abrirá o vindeiro luns 21 de setembro o prazo de inscrición para participar nun curso de introdución á lingua e á cultura galegas, unha iniciativa gratuíta dirixida a persoas a partir dos 16 anos que se desenvolverá durante o mes de outubro.
A formación está promovida polo Gabinete Provincial de Normalización Lingüística e impartirase no centro sociocomunitario de Valdoviño. As prazas son limitadas e as solicitudes poderán formalizarse ata o domingo 27 de setembro.
Clases os martes e xoves durante o mes de outubro
O curso desenvolverase os martes e xoves, en horario de 10:00 a 13:00 horas. A excepción será a última xornada, prevista para o 27 de outubro, que terá unha duración de dúas horas.
As persoas interesadas poderán reservar a súa praza presencialmente na Casa da Cultura, de luns a venres entre as 9:00 e as 13:00 horas, ou a través da sede electrónica do Concello. Neste último caso, o prazo permanecerá aberto ata as 24:00 horas do 27 de setembro.
Desde a Concellería de Cultura sinalan que as persoas que completen a formación recibirán un diploma acreditativo da súa participación. O Concello aclara, con todo, que o curso non equivale a ningunha das modalidades do Celga.
A proposta busca ofrecer unha primeira aproximación á lingua e á cultura galegas e pode resultar especialmente útil para aquelas persoas que queiran ampliar os seus coñecementos sobre Galicia. Entre os colectivos aos que pode resultar de maior interese atópanse as persoas residentes no municipio procedentes doutros países.