Pontedeume investe 47 mil euros no camiño de Allegue, en Ombre

por

O Concello de Pontedeume informou do inicio, esta mesma semana, das obras de ampliación e pavimentación do camiño de Allegue, situado no lugar da Veiga (Altos de Ombre). O proxecto supón un investimento que rolda os 47.000 euros e céntrase en modernizar e dotar de maior seguridade a este vial do rural eumés.

Os traballos inclúen a execución dunha cuneta entubada de formigón, unha solución técnica que permitirá canalizar as augas pluviais e, ao mesmo tempo, gañar espazo útil para a calzada.

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, destacou o impacto positivo desta intervención: «Coa ampliación da plataforma, a construción da cuneta entubada de formigón e a posterior pavimentación conseguiremos un camiño máis ancho, cómodo e seguro». O rexedor explicou que con esta obra «damos resposta a unha demanda da veciñanza, xa que ata o de agora o vial contaba cun ancho moi reducido que dificultaba a circulación e impedía, en boa parte do seu trazado, o cruce de dous vehículos».

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Daniel Ríos, apuntou que a mellora das infraestruturas facilitará «os desprazamentos diarios, mellorando tamén o acceso ás vivendas e fincas da zona». O edil reafirmou o compromiso do goberno local coas áreas periféricas do municipio: «Seguimos investindo nas nosas parroquias e atendendo as necesidades que nos traslada a veciñanza, mellorando progresivamente os camiños e as comunicacións do noso rural».

Con esta nova dotación económica, o Concello de Pontedeume continúa co seu plan de investimentos nas parroquias para garantir a igualdade de servizos e a calidade de vida en todo o termo municipal.


También te puede interesar