Podoloxía celebra en Ferrol 25 anos da súa primeira promoción e máis dun cuarto de século de atención á sociedade

por
O comité organizador do evento, Emma Rodríguez Maseda, Pedro Gil Manso, Carolina Rosende Bautista e Raquel Veiga Seijo | Universidade da Coruña

Un cuarto de século separa aos primeiros titulados en Podoloxía pola Universidade da Coruña (UDC) das novas xeracións que actualmente se forman no Campus Industrial de Ferrol. A Facultade de Enfermaría e Podoloxía reunirá este venres 9 de outubro a protagonistas de diferentes etapas para facer balance da evolución dos estudos e da atención prestada desde a Clínica Universitaria de Podoloxía.

A conmemoración coincidirá co Día Internacional da Podoloxía e desenvolverase entre as 12:00 e as 14:00 horas no Salón de Actos do Hospital Naval de Ferrol. O encontro servirá para celebrar os 25 anos da primeira promoción, correspondente ao período 1998-2001, e os 26 anos da Clínica Universitaria, que iniciou a súa actividade na cidade o 31 de marzo de 2000.

Baixo o lema ‘25 anos de vocación, docencia e servizo á sociedade’, a xornada forma parte tamén do XII Outubro UDC Saudable e combinará a memoria dos primeiros anos coa análise da realidade actual da profesión.

Das orixes da titulación á Podoloxía actual

A inauguración terá lugar ás 12:00 horas coa participación da vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; a presidenta do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia, Ana María Requeijo Constenla; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons Formoso; a xerenta da Área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López Crecente; e o decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Pedro Gil Manso.

Media hora máis tarde comezará unha primeira mesa redonda que permitirá reconstruír os inicios da titulación e da Clínica Universitaria de Podoloxía. Nela participarán Nuria Esther Varela Feal, que ocupou diferentes responsabilidades na antiga Escola Universitaria e posteriormente no decanato da Facultade; a primeira coordinadora do título de Podoloxía, Julia María Janeiro Arocas; e o primeiro coordinador da Clínica Universitaria, Francisco Alonso Tajes.

A mirada aos primeiros anos completarase coa experiencia de María Dolores Martínez Rodríguez, integrante da primeira promoción de Podoloxía, e de Pilar Pazos Casal, paciente da Clínica Universitaria desde 2012 e experta en enfermidades autoinmunes.

A segunda mesa, prevista para as 13:00 horas, trasladará o foco ao presente. Participarán Pedro Gil Manso; a directora do Departamento de Ciencias da Saúde da UDC, Carolina Rosende Bautista; e a directora da Clínica Universitaria de Podoloxía, Raquel Veiga Seijo.

A visión do alumnado chegará da man de Lois Vázquez Campos, presidente da Asociación Galega de Estudantes de Podoloxía (AGEP UDC) e integrante da promoción 2020-2024. Tamén intervirá José Manuel García Romero, paciente da Clínica desde 2017 e presidente da Asociación de Diabéticos de Ferrolterra.

Unha relación de 26 anos entre a universidade e a sociedade ferrolá

A traxectoria da Podoloxía na UDC está estreitamente vinculada á actividade desenvolvida no Hospital Naval a través da Clínica Universitaria. Este recurso combina a formación práctica do alumnado coa prestación de atención á cidadanía desde hai máis de 26 anos.

A Universidade destaca tamén a colaboración mantida entre a Facultade de Enfermaría e Podoloxía e a Área Sanitaria de Ferrol para complementar a formación teórica e práctica dos futuros profesionais. Esta cooperación está permitindo ampliar os espazos nos que o alumnado pode realizar rotacións formativas relacionadas coa Podoloxía.

A celebración concluirá ás 13:30 horas cun acto de peche e o descubrimento dunha placa conmemorativa nas instalacións da Clínica Universitaria de Podoloxía.

O recoñecemento quedará como lembranza dunha traxectoria iniciada a finais dos anos noventa e que, máis dun cuarto de século despois, continúa vinculando desde Ferrol a formación universitaria, a práctica clínica e o servizo á sociedade.

También te puede interesar