Alicia Munín toma o relevo na codirección da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos

por
Alicia Munín na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) | Universidade da Coruña

A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) Alicia Munín Doce asume a codirección da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, unha iniciativa promovida pola Universidade da Coruña (UDC) e Navantia para estreitar a relación entre o ámbito académico e a industria naval.

Munín toma o relevo de Ana Álvarez García, que ocupaba esta responsabilidade desde a creación da Cátedra en 2017. A nova codirectora compartirá esta etapa con Rafael Morgade, responsable de Transformación Dixital e Industrial en Navantia Ría de Ferrol, que exerce como codirector desde o curso 2025/26.

A profesora afronta esta responsabilidade “con moita ilusión” e como “un novo reto” desde o que continuar fortalecendo a colaboración entre a Universidade da Coruña e Navantia, así como a conexión entre o Campus Industrial de Ferrol e un sector estratéxico para a comarca como é o naval.

Un novo reto tras dirixir a Cátedra Jorge Juan

Alicia Munín chega ao cargo con experiencia na dirección deste tipo de iniciativas. Durante o curso 2025/26 estivo á fronte da Cátedra Jorge Juan, promovida conxuntamente pola Universidade da Coruña e a Armada.

A nova codirectora destacou tamén o traballo desenvolvido pola súa predecesora durante os últimos nove anos. “Ana fixo un traballo extraordinario á fronte da Cátedra”, sinala Munín.

Entre as iniciativas desenvolvidas desde a súa creación atópanse os premios aos Traballos Fin de Máster (TFM) e a organización de conferencias impartidas por profesionais relacionados coa industria naval.

Estas actividades permitiron achegar diferentes ámbitos e perspectivas do sector tanto ao alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría como ao resto da comunidade universitaria e á cidadanía interesada nesta industria. “O seu labor demostra o amplo e variado que é o noso sector, e que aínda queda moito por facer”, afirma a nova codirectora.

Unha carreira vinculada ao sector naval e ao xemelgo dixital

Alicia Munín Doce é enxeñeira Naval e Oceánica e doutora en Enxeñaría Naval e Industrial pola Universidade da Coruña. Desde 2020 coordina o grao en Enxeñaría Naval e Industrial da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.

A súa actividade docente abrangue tamén o programa de simultaneidade dos graos en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica, ademais dos mestrados en Enxeñaría Naval e Oceánica e en Enxeñaría Industrial.

No ámbito investigador, forma parte do Grupo Integrado de Enxeñaría da UDC e está adscrita ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol. Unha das súas principais liñas de traballo céntrase na aplicación do xemelgo dixital ao sector naval.

A súa traxectoria inclúe publicacións en revistas especializadas, participación en congresos nacionais e internacionais e a condición de investigadora principal en varios proxectos financiados pola Unión Europea.

Antes de incorporarse á UDC en 2010, Munín traballou no actual CIS Tecnoloxía e Deseño en proxectos relacionados co control de parámetros na soldadura robotizada. Posteriormente incorporouse ao Centro Tecnolóxico Naval de Galicia (CETNAGA), onde desenvolveu investigacións sobre os aspectos económicos do sector marítimo e o mantemento de flotas.

A súa chegada á codirección abre agora unha nova etapa na Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, mantendo como eixo a colaboración entre a formación e a investigación desenvolvidas no Campus Industrial de Ferrol e a actividade industrial de Navantia.

También te puede interesar