
Irena Ávila posando na exposición que ven de inaugurar | Cedida
A artista ferrolá Irene Ávila Carreira, graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, presenta durante todo o mes de agosto na Vella Fábrica de Lapis a exposición E agora que?, unha proposta multidisciplinar coa que reflexiona sobre os cambios inesperados, a incerteza e a necesidade de atopar un novo rumbo.
A mostra parte deses momentos nos que os plans de vida sofren un xiro e aparece unha fonda sensación de desorientación. Ávila aborda a experiencia de comezar de cero, sen certezas nin unha dirección definida, como unha liberdade que «ademais de sentirse lixeira, tamén pesa», explica a creadora.
A exposición está formada por catro proxectos. «Tecer/Conversar» inclúe unha peza escultórica acompañada dun libro que recolle a memoria, o proceso de creación e os resultados do proxecto.
Pola súa banda, «Destino, perderse». A lei do constante intento» é unha peza audiovisual á que o público poderá acceder escaneando un código QR. A proposta afonda no feito de perderse como parte habitual da experiencia vital e na necesidade de continuar probando e aprendendo.
O terceiro proxecto, «Non sei se me explico», reúne diferentes pezas realizadas con acuarela, tinta e outras técnicas de pintura e debuxo. Completa a mostra Sen máis, unha serie fotográfica.

Momento da inauguración da exposición | Cedida
Conxuntamente, as catro propostas constrúen un relato sobre a procura persoal, o medo ao resultado, o perfeccionismo e o valor de sentirse acompañado. A artista reivindica a importancia da familia, das amizades e das persoas que ofrecen apoio: «a importancia de conversar con aqueles que nos rodean: Familia, amigos e aquelas persoas que nos apoian con tenrura e empatía. Os máis pequenos detalles son os que máis se senten» sinala a artista.
E agora que? poderá visitarse durante todo agosto, de luns a venres, entre as 10.00 e as 14.00 horas, e os sábados, de 11.00 a 13.30 horas.
