Pontedeume celebrará o seu novo festival literario «Vila das lendas»

por

Pontedeume, Vila das Lendas é o nome dun novo festival literario eumés que nace co propósito de conxugar a tradición oral da vila coa actualidade da literatura de fantasía, terror e misterio.

O evento terá lugar os días 30 e 31 de outubro e mais o 1 de novembro, coincidindo coa celebración do Samaín, co obxectivo de traer o mellor do panorama literario fantástico, de terror e misterio e conventer a Pontedeume nun referente neste eido.

A programación do festival combinará encontros con escritoras e escritores, presentacións literarias, mesas de debate, roteiros temáticos, representacións escénicas, actividades familiares, obradoiros ou sesións de narración oral.

Boa parte destas actividades estarán vinculadas directamente coas historias e as lendas locais, xirando ao redor de lugares tan emblemáticos do concello e da bisbarra como o Torreón dos Andrade, o Mosteiro de Caaveiro, a Ponte de Pedra, as Fragas do Eume ou as rúas do centro histórico da vila.

O alcalde Bernardo Fernández Piñeiro sinala que «Pontedeume é unha vila onde cada recuncho agocha unha historia, polo que queremos poñer en valor o noso patrimonio, a nosa tradición oral e as nosas lendas, traelas ao día de hoxe e compartilas de novo coa veciñanza e as persoas que nos visitan«.

«Esta iniciativa vén recoller o testemuño do festival Pontedeume Vila do Libro, pero cun proxecto totalmente renovado e impulsada directamente polo Concello de Pontedeume» indica Fernández Piñeiro. «Tal e como anunciamos meses atrás, Vila do Libro tería un novo formato cambiando de data, e froito dese compromiso, nace Vila das Lendas”, engade.

«Queremos que este novo festival se converta nun punto de encontro para persoas investigadoras, creadoras, divulgadoras e amantes da literatura e das tradicións populares, favorecendo o intercambio de coñecementos e a creación de no narrativas inspiradas no territorio», conclúe o rexedor.

Nos vindeiros días, dende o Concello de Pontedeume irase dando máis información sobre a programación do evento, as personalidades que estarán presentes e as diferentes actividades que conformará unha edición que busca ser a primeira de moitas.

También te puede interesar