
O Museo do Humor Xaquín Marín, en colaboración coa Concellería de Cultura de Fene e a Xunta de Galicia, convértese a partir deste venres no epicentro da ilustración satírica coa apertura da mostra Caricaturistas de Profesión. A exposición reúne cincuenta pezas de dez dos debuxantes de prensa máis prestixiosos da actualidade: Agustín Sciammarella, Carlos Rodríguez Casado, David García Vivancos, Ernesto Priego, Iván Mata, María Picassó, Matías Tolsá, Raúl, Thorsten Rienth e Turcios.
A inauguración oficial terá lugar este venres, 18 de setembro, ás 19:00 horas, e arrincará cun faladoiro aberto ao público. Neste encontro participarán catro dos autores da mostra, entre os que destacan o comisario da exposición e gañador do Premio Curuxa Caricatura 2024, Iván Mata, xunto aos premiados nas edicións de 2025 e 2026, David García Vivancos e Matías Tolsà. Ao remate do debate, os asistentes poderán gozar dunha visita guiada conducida polos propios artistas.
Reivindicación dun oficio histórico
O proxecto Caricaturistas de profesión nace da determinación de Iván Mata. A idea orixinal xurdiu tras unha reunión coa directora da Feira Ilustrísima do Museo ABC, Inmaculada Corcho, co obxectivo de visibilizar o colectivo. Aínda que a pandemia da Covid-19 paralizou a exposición nese momento, Mata reconverteu a iniciativa en 2022 nun libro homónimo editado por Nórdica Libros. Tanto o volume como esta nova exposición teñen o propósito firme de «reivindicar o noso oficio, que non atravesa agora o seu mellor momento», en palabras do propio comisario. Cada un dos dez autores seleccionou cinco obras que consideran clave na súa traxectoria ou que definen á perfección o seu estilo artístico.
En palabras do concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá, «esta mostra supón unha oportunidade única para poñer en valor o papel crítico, cultural e xornalístico da caricatura nos medios de comunicación, un xénero esencial que conecta directamente coa identidade e a historia do noso museo».
Horarios de visita
A exposición permanecerá aberta nas instalacións do museo até finais do mes de outubro. O público poderá visitala de balde , de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas; e os sábados: de 10:00 a 13:00 horas.
