
O Concello de Valdoviño abre este martes 8 de setembro o prazo de inscrición para as súas novas aulas interxeracionais de Artes Plásticas e Cerámica. As actividades, organizadas pola Concellería de Cultura dirixida por Rosana García, buscan fomentar a creatividade compartida entre nenos e adultos, ao mesmo tempo que descentralizan a oferta cultural levándoa directamente aos locais sociais das parroquias.
As propostas estrutúranse da seguinte maneira:
Aula de Artes Plásticas: Impartirase os martes no local social de Loira co pintor local Manuel Carballeira. Estableceranse dous quendas (de 16:30 a 18:30 horas e de 18:30 a 20:30 horas) para participantes a partir dos 7 anos e persoas adultas.
Aula de Cerámica: Desenvolverase os xoves, de 16:30 a 18:30 horas, no local social de Vilaboa (antiga escola unitaria). A formación correrá a cargo da artista Martina Beceiro e está dirixida a alumnado a partir de 3º de Primaria e adultos.
O prezo mensual destas actividades é de 22,12 euros para os menores de idade e de 29,49 euros para os maiores de 18 anos. As persoas interesadas teñen de prazo ata o 18 de setembro para anotarse, ben de xeito presencial na Casa da Cultura (en horario de 9:00 a 13:00 horas) ou a través da sede electrónica municipal.
