O concello de Valdoviño aproba a primeira fase para recuperar as baterías militares de Campelo Alto

por

A corporación municipal de Valdoviño deu luz verde, por unanimidade de todos os grupos políticos na sesión plenaria celebrada este xoves, á primeira fase do proxecto básico e de execución do Plan de Recuperación das Baterías da defensa de Ferrolterra. Esta aprobación definitiva abre as portas á contratación das obras por parte da Deputación da Coruña, administración que asumirá o 100% do financiamento da intervención.

As primeiras actuacións centraranse no complexo de Campelo Alto co obxectivo de frear a deterioración das estruturas e garantir a seguridade dos visitantes. Os traballos previstos nesta fase inclúen melloras nos accesos, a delimitación de áreas de protección fronte á maleza, a limpeza e tratamento de paramentos, e a demolición de cubertas en situación de inestabilidade grave. Así mesmo, retiraranse cascallos e colocarase cartelería explicativa e de advertencia.

Quince zonas de actuación
O proxecto detalla intervencións específicas nun total de 15 puntos clave do recinto militar:

  • Acceso ás garitas.
  • Edificio para taller, almacén e picheles da batería antiaérea 4×10.5 e construcións vinculadas.
  • Edificio para taller, almacén e picheles da batería 2×38.1 e construción vinculada.
  • Almacéns para municións.
  • Asentamento da peza antiaérea de 40 mm.
  • Batería de dous pozos.
  • Batería antiaérea de catro pezas (4×10.5).
  • Telémetros auxiliares.
  • Lavadoiro.
  • Estación central telemétrica (calculador e sala de máquinas).
  • Edificio de servizo ao Posto de Mando.
  • Telémetro 1.
  • Grupo de mando (telémetro 2).
  • Dous asentamentos para pezas antiaéreas de 20 mm.

Un bastión do Plan de Artillado de 1926
A posición defensiva de Monte Campelo ten un alto valor patrimonial e histórico. Forma parte do histórico Plan de Artillado de 1926, concibido a principios do século XX para dar resposta ao avance tecnolóxico dos buques de guerra acoirazados, que contaban con proxectís de maior alcance.

A misión estratéxica destas instalacións era protexer o golfo Ártabro ante posibles ataques ou intentos de ocupación da base naval por parte de escuadras inimigas. O declive e desartillado deste complexo comezou de xeito progresivo no ano 1936, data na que se trasladou a batería antiaérea de 10,5, iniciando o abandono que agora este plan pretende reverter para poñer en valor a historia militar da comarca.

También te puede interesar