
É unha boa noticia para Ferrolterra, Eume e Ortegal o nacemento de El Departamental. A chegada dun novo medio sempre suma, porque ofrece aos lectores unha nova opción para informarse e contribúe a que haxa máis voces no espazo público.
E entre esas voces, a información local ten un papel especialmente importante. Permite contar as cousas que forman parte do día a día das persoas e que non sempre teñen espazo nos medios de ámbito máis xeral. A actualidade tamén está nas pequenas decisións e nos cambios que afectan cada día á vida da xente.
Outra razón para saudar este novo proxecto é que detrás del haxa persoas que coñecen ben a zona. Pedro Sanz leva moitos anos exercendo o xornalismo nestas comarcas e ese coñecemento dos lugares e das persoas que os habitan será, sen dúbida, un valor para o novo medio.
Nun momento no que a información chega continuamente por moitas vías, ter máis medios tamén significa contar con máis voces e máis posibilidades para contrastar o que lemos e escoitamos. Esa pluralidade é boa para os lectores e para a sociedade, porque contribúe a formar opinións máis libres e mellor fundamentadas.
Como persoa vinculada a esta terra, quero darlle a benvida a El Departamental e desexarlle moita sorte nesta nova etapa. Agardo que atope o seu espazo entre os lectores e que durante moitos anos estea contando o que acontece en Ferrolterra, Eume e Ortegal.
Benvidos e moita sorte neste comezo. Hai moitas historias que contar nesta parte de Galicia e tamén é unha boa noticia que haxa un novo medio disposto a contalas.
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
