Neda activa un plan de choque para reforzar o abastecemento de auga ante a seca

por

O Concello habilitará unha segunda conexión coa rede de Narón, axilizará o enlace coa traída de Fene e recorrerá a camións cisterna para garantir as reservas do depósito municipal.

A escaseza de auga que afecta Ferrolterra e o baixo caudal que presenta o río Belelle levaron o Concello de Neda a poñer en marcha un plan urxente para reforzar o abastecemento no municipio. A decisión adoptouse tras unha reunión de urxencia con Veolia, convocada despois de que unha avaría eléctrica interrompese o bombeo ao depósito municipal e deixase onte sen servizo varias zonas da localidade.

As medidas acordadas buscan asegurar a subministración a curto prazo en situacións como a actual, mentres se avanza nas actuacións previstas para ampliar a capacidade de almacenamento. Entre estas últimas atópase a rehabilitación do segundo depósito dos Pazos, un proxecto que se encontra actualmente en fase de licitación.

A primeira actuación consistirá en activar de maneira inmediata unha segunda conexión directa coa rede de Narón, o que permitirá incrementar a cantidade de auga recibida desde o municipio veciño. As tubaxes necesarias para poñer en funcionamento este enlace xa foran instaladas aproveitando as obras da glorieta de Xuvia.

O plan tamén contempla axilizar a conexión coa traída de Fene a través de Gunduriz, unha intervención que se atopa pendente dos últimos remates. Ao mesmo tempo, empregaranse camións cisterna para completar o enchido do depósito situado na zona alta do municipio.

O Concello solicita a colaboración da veciñanza e pide facer un uso responsable da auga ante o reducido nivel das reservas. Recomenda limitar o consumo e prescindir especialmente daqueles usos que non resulten esenciais e que incrementan de maneira considerable a demanda durante o verán, como o enchido de piscinas ou os baldeos.

Se a falta de choivas continúa tanto en Neda como no conxunto da comarca, será necesario aplicar restricións. Nese escenario, o Concello e Veolia estudan establecer un sistema alternativo de abastecemento mediante camións cisterna situados en diferentes puntos do municipio.

Tamén se prevé habilitar un servizo de reparto de auga a domicilio para aquelas persoas que, debido á súa idade, mobilidade ou circunstancias persoais, non poidan desprazarse ata os lugares establecidos para a recollida.

También te puede interesar