Guizo enche o outono de Narón de ciencia, primeiros auxilios e circo en galego

por
Presentación do proxecto Guizo | Concello de Narón

A ciencia pode parecer maxia, saber reaccionar ante unha caída pode resultar fundamental nunha ruta e manter o equilibrio sobre un monociclo require algo de práctica. Son algunhas das experiencias que o Proxecto Guizo levará este outono a Narón cun obxectivo común: crear espazos de lecer nos que o galego sexa a lingua de relación entre as familias.

O Concello de Narón, a través do Servizo de Normalización Lingüística, programa tres actividades entre outubro e novembro destinadas a familias con nenas e nenos de 6 a 12 anos. Todas se celebrarán en sábado, ás 11:00 horas, no Centro Cívico Social do Couto.

A participación será gratuíta, aínda que será necesario realizar unha inscrición previa.

Da maxia que agocha a ciencia aos primeiros auxilios na natureza

A primeira cita chegará o 10 de outubro con ‘A maxia da ciencia’, un obradoiro práctico de Arenaria que permitirá descubrir a explicación científica que existe detrás de fenómenos que poden parecer auténticos trucos de maxia.

As familias experimentarán con conceptos físicos e químicos para responder cuestións como por que os zapateiros poden camiñar sobre a auga, se a invisibilidade pode existir ou se é posible ter lume na man sen sufrir queimaduras.

O programa continuará o 7 de novembro cunha actividade de primeiros auxilios na montaña impartida polo SPEIS de Narón. Os bombeiros ensinarán de maneira práctica como reaccionar ante diferentes incidentes que poden producirse durante unha saída á natureza.

Golpes, feridas, fracturas, torceduras, golpes de calor, picaduras ou mordeduras serán algunhas das situacións que se abordarán durante a sesión.

Unha mañá de circo para pechar a programación

A última cita celebrarase o 21 de novembro coa participación de Os Picos do Sol. Nais, pais, nenas e nenos poderán iniciarse conxuntamente nas técnicas básicas do circo a través do xogo.

Prato chinés, diábolo, malabares, zancos, monociclo ou cable de equilibrio formarán parte dunha actividade coa que se pechará a programación de outono de Guizo.

A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, destaca precisamente o carácter compartido da iniciativa. “Queremos que nenas, nenos e persoas adultas compartan un tempo de lecer na natureza no que o galego sexa a lingua natural da conversa”, sinala.

Guizo busca favorecer a socialización en galego máis alá de contextos académicos ou formais, creando espazos nos que as familias empreguen o idioma durante actividades de ocio e, ao mesmo tempo, fomentando o contacto, o coidado e o respecto pola natureza.

As persoas interesadas deberán inscribirse a través do correo a.pita@naron.gal, indicando o nome da actividade, o nome e a idade da nena ou neno, o nome da nai, pai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.

También te puede interesar