
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte pon en marcha un Certame de Debuxo e Fotografía dirixido aos centros educativos do seu territorio. Esta iniciativa nace co obxectivo de poñer en valor e dignificar os oficios do sector primario, especialmente vinculados á pesca e ao marisqueo, así como o labor dos portos, os produtos mariños e a riqueza da cociña mariñeira.
A convocatoria está aberta a un total de 41 centros escolares dos concellos implicados: o CPI As Mirandas en Ares, 4 centros en Mugardos, 6 en Pontedeume e 30 centros no municipio de Ferrol. O certame divídese por categorías formativas, reservando os debuxos para o alumnado de Educación Primaria e a fotografía para as mozas e mozos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).
Unha selección dos mellores traballos presentados dará vida a unha Exposición Itinerente que se instalará ao longo do vindeiro mes de novembro nos Mercados Municipais de Ferrol, Ares, Mugardos e Pontedeume, achegando a visión artística da mocidade directamente aos espazos de comercialización do produto local.
Dende o GALP Golfo Ártabro Norte faise un chamamento especial á comunidade educativa, animando á participación activa de todo o profesorado e, de xeito específico, aos docentes das áreas de Plástica, Ciencias Sociais, Ciencias Naturais, Historia e Bioloxía para que impulsen este proxecto nas súas aulas.
Inscricións e contacto
Os centros interesados en participar nesta iniciativa canle de posta en valor do noso patrimonio marítimo poden solicitar as bases de participación e o modelo de adhesión enviando un correo electrónico a maicafreire@gmail.com.
