
O verán volveu traer a poesía a Neda da man de ‘Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid’, que escolleu un ano máis o municipio para presentar o seu novo número. Nesta ocasión, a cita tivo un significado especial ao coincidir co décimo aniversario dunha publicación en papel que mantén o seu compromiso coa creación poética en lingua galega.
A revista chega aos dez anos de traxectoria cun novo exemplar que reúne 14 colaboracións e que rende homenaxe ao editor, poeta e memorialista Sabino Torres, ideólogo de ‘Olga’, precisamente cando se cumpre unha década do seu pasamento.
Durante a presentación, Manuel Pereira, secretario e “xefe de máquinas” da publicación, cualificou como un auténtico “milagre” que unha revista destas características consiga manterse durante unha década no actual contexto editorial.
Pola súa banda, Vicente Araguas, fillo predilecto de Neda e director de ‘Olga’, xa mira cara ao futuro e marcou como reto duplicar o camiño percorrido ata agora, coa aspiración de chegar aos 34 números publicados.
A poesía volve converter Neda en punto de encontro
A presentación completouse cun recital poético que abriu Xoán García e no que tamén participaron Antonio Polo, José Ignacio Cadenas, Carlos Neira, Pedro Rascado, Pura Tejelo e Xosé María Dobarro.
A cita consolidou así unha tradición que cada verán une Neda coa revista e cos seus autores, convertendo o municipio nun dos escenarios vinculados á historia dunha publicación nacida para impulsar e difundir a poesía galega desde Madrid.
A xornada deixou tamén uns versos de Manuel Pereira que resumen esa relación construída ao longo dos anos entre ‘Olga’ e Neda: “para min do verán nada queda/ sen a tarde de Olga en Neda”.