
Pavimentación do circuíto situado en Río do Pozo | Concello de Narón
O Concello de Narón iniciou a renovación integral do circuíto de radiocontrol e karts situado no polígono industrial de Río do Pozo. A actuación, impulsada a través do Padroado de Deportes, conta cun orzamento de 32.997,68 euros e cun prazo de execución de dous meses.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, visitaron este venres os traballos, que permitirán poñer a punto unha instalación inaugurada en 2009 e sometida desde entón a un uso continuado. As obras inclúen a repavimentación completa dos 2.548 metros cadrados da pista, a demolición dos bordos remontables interiores, a retirada da moqueta de céspede das illas centrais e a limpeza de toda a superficie. A intervención aproveitarase tamén para redeseñar o trazado do circuíto.
A instalación naceu para responder á demanda dos clubs e afeccionados ao radiocontrol e ao karting. Co paso dos anos ampliou as súas funcións e pasou a acoller tamén actividades de educación viaria impartidas pola Policía Local de Narón.
Santalla asegurou que o investimento responde ao «compromiso do goberno local coa mellora continua das instalacións deportivas municipais». O edil destacou, ademais, que o circuíto de Río do Pozo «merece esta posta ao día para seguir prestando servizo en condicións óptimas».
