
Defender unha postura, construír argumentos e responder aos do equipo contrario empregando o galego como lingua de comunicación. Ese é o reto que volverá propoñer o Club de Debate ao alumnado de Ferrol nunha nova edición para a que xa está aberto o prazo de inscrición.
A iniciativa está dirixida a estudantes de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos e forma parte das accións de dinamización promovidas pola Concellería de Normalización Lingüística.
Ferrol é un dos dez concellos galegos participantes nun proxecto que pretende crear espazos nos que a mocidade empregue o galego de maneira activa, ao tempo que desenvolve habilidades relacionadas coa comunicación oral, o pensamento crítico, a tolerancia ante diferentes puntos de vista e o traballo colectivo.
Equipos de entre catro e dez estudantes
Os centros educativos interesados en participar teñen de prazo ata o 20 de novembro para comunicar a súa inscrición a través do correo electrónico gnl@ferrol.es.
Cada equipo deberá estar integrado por un mínimo de catro e un máximo de dez alumnos e alumnas, cunha composición mixta. Ademais, contará cunha persoa preparadora que acompañará o grupo durante o proceso.
A competición inclúe incentivos para os equipos que obteñan os mellores resultados. Nas fases clasificatorias estableceranse premios de 800 e 500 euros, mentres que os dous grupos que consigan as puntuacións máis altas na fase final poderán desfrutar dunha viaxe multiaventura durante unha fin de semana.
Unha iniciativa con presenza nos institutos de Ferrol
O Club de Debate conta xa cunha traxectoria consolidada na cidade. En anteriores edicións participaron centros como o IES Saturnino Montojo, IES de Canido, IES Concepción Arenal e CPR Compañía de María.
Desde a Concellería de Normalización Lingüística, dirixida por Patricia Cons, animan os centros ferroláns a incorporarse nesta edición a unha proposta que busca que o galego saia tamén das aulas como materia académica para converterse nunha ferramenta coa que a mocidade poida expresar ideas, confrontar opinións e defender os seus argumentos.
