A UPG homenaxeará este mércores en Ferrol a Moncho Reboiras

por


A Unión do Povo Galego (UPG) celebrará este mércores, 12 de agosto, en Ferrol varios actos en memoria do militante e dirixente nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho Reboiras, con motivo do aniversario da súa morte.

A homenaxe comezará ás 17.00 horas cunha concentración na praza de Armas. Desde alí, as persoas participantes desprazaranse pola rúa da Terra ata o lugar no que Reboiras foi abatido pola Policía franquista en 1975. Neste punto terá lugar un saúdo, unha ofrenda floral e a interpretación da Internacional.

A programación continuará ás 17.30 horas cun acto político no Cantón de Molíns. Intervirán o secretario xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG), Iago Suárez; a responsable comarcal do BNG, Pilar Louzao, e o secretario xeral da UPG, Néstor Rego. A homenaxe concluirá coa interpretación do Himno Galego.

A UPG sinala que a convocatoria pretende lembrar a figura e o compromiso político de Moncho Reboiras, recoñecido oficialmente como vítima do franquismo, así como reivindicar a súa defensa da democracia, da liberdade, da xustiza social e da soberanía de Galicia.

A formación tamén presenta os actos como unha resposta ás recentes manifestacións do Partido Popular sobre Reboiras, que considera “ataques” e unha “aldraxe” á súa memoria. Fronte a estas declaracións, a UPG asegura sentirse orgullosa do legado do militante nacionalista e chama a participar na homenaxe como mostra de “reparación e desagravio”.

Imaxe do cartaz da convocatoria | UPG

También te puede interesar