
Axencia de doazón de órganos e sangue (ADOS) visitará Neda cunha unidade móvil o vindeiro mércores 26 de agosto. A veciñanza da localidade terá a oportunidade de doar sangue sen ter que saír do municipio grazas á campaña estival “Un alento de vida”. Un ano máis, a axencia busca manter estable, a pesar das vacacións, a participación das persoas que doan sangue. O reto pasa por acadar as máis de 22.000 doazóns de sangue que requiren os centros hospitalarios de toda Galicia durante estes meses para atender a preto de 6.500 doentes.
O autobús de doazóns estará situado diante da Casa da Cultura de 09:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas. Os responsables da campaña lembran que poden doar sangue os maioere de idade ata 70 anos, con máis de 50 quilos de peso e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue. E en caso de estar a tomar algún tipo de medicación deberán informar ao médico.
O Concello de Neda e ADOS apelan «á solidariedade da poboación nedense para que acudan a doar, co fin de aumentar a participación veciñal na campaña». Así mesmo, lembran que nas unidade móbiles é posible iniciar os trámites para facerse doantes de medula.
