
Neda volverá reivindicar o galego como lingua de encontro, creación e futuro coa celebración do Día do Orgullo Neofalante, que cada 1 de outubro busca incorporar novos falantes e ampliar os espazos de uso do idioma. O Concello programou para a próxima semana dúas actividades que achegarán a lingua á mocidade e ao público infantil a través da regueifa e da tradición oral.
A programación comezará o martes 29 de setembro no IES Fernando Esquío con “Quen inventou o rap?”, un espectáculo protagonizado por Lupe Blanco. A segunda cita chegará o sábado 3 de outubro á Biblioteca Municipal coa contadora Marta Ortiz e a proposta “Onde nace a lingua”.
As actividades contan co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e forman parte das iniciativas de dinamización lingüística promovidas arredor dunha celebración que coincide coa data de nacemento do cantautor ferrolán Andrés do Barro.
Da regueifa ao rap para achegar o galego á mocidade
O alumnado de secundaria do IES Fernando Esquío será o destinatario de “Quen inventou o rap?”, unha proposta coa que Lupe Blanco achegará aos estudantes a tradición da regueifa e a súa conexión con expresións musicais contemporáneas.
A regueifa baséase no enfrontamento dialéctico improvisado e en verso, no que o enxeño, a rima e a capacidade para responder no momento son protagonistas. O espectáculo propón relacionar esta manifestación da tradición oral galega con fenómenos actuais como o rap, buscando tamén a interacción e a complicidade do alumnado.
A programación continuará o sábado 3 de outubro, ás 12:30 horas, na Biblioteca Municipal. Marta Ortiz presentará “Onde nace a lingua”, un contacontos pensado para que as nenas e nenos descubran e xoguen cos recursos da tradición oral galega.
Adiviñas, trabalinguas e contos rimados formarán parte dunha actividade concibida como un percorrido pola riqueza da lingua e da cultura galegas, facendo do público infantil parte activa do espectáculo.
O Concello de Neda dispón dunha achega autonómica de 1.198 euros para desenvolver estas dúas propostas dentro das axudas destinadas a programas e accións de dinamización lingüística.
O Día do Orgullo Neofalante celébrase o 1 de outubro coincidindo co aniversario do nacemento de Andrés do Barro, referente da música galega e primeiro artista en acadar un éxito de masas no conxunto de España cantando en galego. A conmemoración busca poñer en valor especialmente aquelas persoas que, sen teren o galego como primeira lingua, deciden incorporalo á súa vida cotiá.
