A Real Academia Galega de Belas Artes celebra o bicentenario de Marcial del Adalid con dous concertos históricos na Coruña

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) organiza este mércores 9 e xoves 10 de setembro dous concertos extraordinarios co gallo do bicentenario do nacemento do compositor Marcial del Adalid (1826-2026), unha das figuras máis influentes do Rexurdimento e piar fundamental da identidade musical galega. As citas terán lugar no Teatro Colón da Coruña ás 19:30 horas, con acceso gratuíto para todo o público ata completar a capacidade do recinto.
Baixo o título “Bicentenario Marcial del Adalid. A memoria cantada. 1826-2026”, o evento reunirá de xeito exclusivo ás agrupacións corais posuidoras da prestixiosa Medalla “Marcial del Adalid”. O programa dividirase en dúas xornadas:
Mércores, 9 de setembro: Participarán a Coral Polifónica de Bergantiños (Carballo), Cantigas e Agarimos (Santiago), a Coral Polifónica El Eco (A Coruña) e o Real Coro Toxos e Froles (Ferrol). O Real Coro Toxos e Froles de Ferrol recibiu a Medalla Marcial do Adalid de mans da Real Academia Galega de Belas Artes o 26 de maio de 2007. O acto oficial de entrega levouse a cabo na propia sede da agrupación coral.
Xoves, 10 de setembro: Será a quenda da Coral De Ruada (Ourense), a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, o Coro Galego Cántigas da Terra (A Coruña) e a Coral Polifónica Follas Novas (A Coruña).
Segundo destaca a RAGBA, este encontro musical non só homenaxea ao mestre Adalid, senón que reivindica o papel crucial dos coros como gardas da memoria colectiva e do patrimonio sonoro de Galicia dende o século XIX ata os nosos días.
Declaracións da Academia
“A súa participación non é só un acto de homenaxe ao Mestre Adalid, senón unha mostra da vitalidade e o prestixio do noso patrimonio sonoro. Dous séculos desfois do nacemento de Adalid, estas agrupacións seguen proxectando a sensibilidade dun compositor que soubo irmandar a vangarda europea coa raíz popular. Ao reunir a estas oito corais, non só celebramos o pasado, senón que reafirmamos o compromiso de Galicia coa excelencia artística e a preservación da súa memoria colectiva. Que estas voces, unidas pola Medalla Marcial del Adalid, resoen como o testemuño vivo dunha terra que canta á súa historia e mira con orgullo cara ao seu futuro.”
Estes concertos son posibles grazas á colaboración desinteresada das oito corais participantes e ao patrocinio e auspicio do Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Cultura e Turismo. A Academia convida formalmente a toda a cidadanía coruñesa e galega a sumarse a este fito histórico que une tradición, cultura e futuro.
Adalid, figura imprescindible do Rexurdimento e arquitecto da identidade musical galega

A vinculación de Adalid coa Real Academia Galega de Belas Artes resulta incuestionable, toda vez que o nome deste compositor deu lugar ás homónimas medallas que tanta importancia tiveron e teñen na sociedade galega pola posta en valor da actividade musical que se desenvolve en Galicia, manifestada singularmente nos coros e nas bandas de música, ferramenta fundamental de participación na cultura das vilas e cidades galegas, como divulgadoras esenciais do noso rico patrimonio
musical.
A Medalla “Marcial del Adalid”, o máximo recoñecemento da Academia á excelencia polifónica, é hoxe en día, segundo a RAGBA, toda unha institución, “unha maneira de manter viva a memoria do admirado compositor, amplamente estudiado polo académico Adolfo Anta, unha maneira de estender a súa fascinación por Adalid ao resto da sociedade galega, unha maneira de que o seu nome permaneza presente en cada fogar e en cada familia galega devota da música, en cada actuación á que acoden ostentando a insignia, en cada estandarte que luce a Medalla de Ouro”.
Así, Galicia conmemora neste 2026 o bicentenario do nacemento de Marcial del Adalid (Coruña, 1826- Lóngora-Oleiros,1881), figura imprescindible do noso Rexurdimento e arquitecto da identidade musical galega. A RAGBA explica que a evolución do movemento coral galego desde os orfeóns decimonónicos ata a eclosión dos coros populares en 1916 marca un fito na nosa vertebración social. Baixo o amparo das Irmandades da Fala, estas formacións asumiron a misión de salvagardar o folclore galego, unha tarefa que as converteu en piares da nosa participación cultural.
A Real Academia Galega de Belas Artes institucionalizou este recoñecemento en 1949 coas Medallas ‘Marcial del Adalid’, froito do empeño académico de Adolfo Anta Seoane. Esta distinción celebra a constancia individual e colectiva que hoxe personifican os nosos coralistas. “A música coral foi, xa que logo, o refuxio e a voz do noso pobo. Neste contexto, a Medalla Marcial del Adalid representa o máximo recoñecemento que esta Real Academia outorga a aquelas agrupacións que fixeron da polifonía un baluarte de cultura, historia e perfección técnica”, sinala a institución.
