Neda abre a inscrición para o tradicional concurso de empanadas da Festa do Pan

por
Empanadas del concurso del 2025 | Concello de Neda

O Concello de Neda abrirá este venres, 28 de agosto, o prazo de inscrición para participar nunha nova edición do concurso de empanadas da Festa do Pan. O certame celebrarase o domingo 6 de setembro no marco desta festa gastronómica, declarada de Interese Turístico de Galicia. As persoas interesadas poderán anotarse ata o venres 4 de setembro chamando ao teléfono 981 39 02 33, entre as 10.00 e as 14.00 horas, ou enviando un correo electrónico a cultura@neda.gal. Na solicitude deberán indicar o seu nome e apelidos, enderezo, DNI, teléfono e os ingredientes principais da empanada.

As elaboracións deberán pesar entre un e dous quilos e entregarse o día do concurso, entre as 10.30 e as 11.00 horas, na carpa «En lembranza a Albarón». As empanadas permanecerán expostas ao público antes da cata do xurado, que comezará ás 11.00 horas.

O xurado estará integrado por unha persoa en representación das panadarías de Neda e dous membros do movemento asociativo. Na súa valoración terá en conta o sabor, a textura e a presentación das propostas. O veredicto darase a coñecer despois do pregón.

O concurso concederá un primeiro premio de 200 euros, un segundo de 150 e un terceiro de 100 euros. Os galardóns poderán trocarse por produtos nas panadarías participantes na Festa do Pan. As bases completas están dispoñibles na páxina web municipal.

También te puede interesar