
O Abanca Pantín Classic Galicia Pro alcanzará este ano a súa 39.ª edición | Concello de Valdoviño
O Concello de Valdoviño volverá aproveitar a proxección do Pantín Classic como escaparate para as marcas locais, e por iso que o evento contará novamente cun espazo destinado á exposición, promoción e venda de produtos elaborados por artesáns e produtores do municipio. Deste xeito dende a Concellería de Cultura e Turismo abriron dende o venres día 7 un prazo de inscrición para participar na iniciativa. As persoas interesadas poden anotarse enviando unha mensaxe de WhatsApp ao número 609 669 801.
En colaboración coa organización do campionato, reservarase do 22 ao 30 de agosto un posto no village do Pantín Classic. Trátase dun espazo compartido no que os propios artesáns e produtores acordarán o calendario de participación que mellor se adapte aos seus intereses e necesidades.
Esta fórmula púxose en marcha con éxito o pasado ano e repetiu tamén durante a recente celebración do Campionato de España de Surfing.
O Abanca Pantín Classic Galicia Pro alcanzará este ano a súa 39.ª edición. Como é habitual, a cita transcenderá o ámbito estritamente deportivo cunha ampla programación paralela que incluirá propostas relacionadas coa gastronomía, medio ambiente e música.
Hai que salientar ademáis a subida de categoría prevista para esta edición, que vai representar, ademais, un dos grandes fitos da historia do surf español, pois o Pantín Classic deixará atrás o seu formato tradicional dentro do circuíto rexional para converterse nun WSL Special Event/QS 6000 Internacional, unha categoría creada pola World Surf League para un reducido número de probas estratéxicas repartidas por todo o mundo.