
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou este sábado, 28 de novembro, unha sesión extraordinaria na que resultou elixido, tras votación regulamentaria, como novo presidente da corporación Celestino García Braña, académico de número da sección de Arquitectura.
Celestino García Braña sinala que a Academia, neste segundo terzo do século XXI, debe ser unha institución que “conserve a memoria e produza pensamento,
identificando os problemas culturais emerxentes, analizando con serenidade e ofrecendo propostas fundamentadas no contexto da Galicia dun século xa avanzado”.
E para facelo, apunta a que será preciso “tempo, reflexión e vontade de traballo
compartido”.
Neste mandato, no que exercerá como presidente da Academia ata 2030, García Braña ten como directrices fortalecer a RAGBA como comunidade de coñecemento,
reforzando o traballo do plenario e das súas sete seccións e promovendo grupos de traballo sobre temas específicos, así como impulsar a revista Abrente, a publicación anual editada pola Academia que reúne estudos, ensaios e información institucional sobre historia da arte, artes plásticas, arqueoloxía e patrimonio. Igualmente, García Braña ten como obxectivo reforzar a presenza da Academia na sociedade galega, por exemplo, coa creación dun ‘Banco de Coñecemento’ de consulta dixital aberta.
Outra das súas liñas de acción destinarase a pensar e coidar o patrimonio, desde o presente e cara ao futuro, e neste punto a Academia pretende crear o ‘Observatorio
Permanente do Patrimonio Artístico Galego’. Ademais, outra prioridade desta nova etapa será atender á arte, á creación e ás súas novidosas transformacións
contemporáneas, “cunha reflexión permanente do ecosistema cultural galego, destinando atención ás derivas da intelixencia artificial”.
Por outra parte, Celestino García Braña desenvolverá ao fronte da Academia unha programación cultural “con sentido de país”. Continuarase coa organización das
actividades habituais que xa caracterizan ao traballo da RAGBA, como son a celebración do Día das Artes Galegas, que este ano se dedicará á figura da soprano
coruñesa María Luisa Nache, cun acto no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 31 de marzo, que estará organizado en colaboración co Concello da Coruña, así como unha importante exposición no Kiosko Alfonso sobre a súa traxectoria. Tamén continuarán os ‘Martes das Artes’ na sede da Academia, como eixo vertebral cotián da actividade cultural da entidade; así como diferentes concertos ou os ‘Encontros de Mariñán. Residencia de artistas emerxentes’. A finalidade é, segundo o novo presidente, desenvolver novos programas para xerar coñecemento en colaboración con diferentes institucións e en diversos puntos de Galicia. Tamén outro punto fundamental da nova presidencia será asegurar os recursos cotiáns, mellorar as condicións de funcionamento da sede e a sustentabilidade
institucional da Academia.
Novos académicos
Así mesmo, nesta mesma xornada celebrouse a sesión ordinaria, onde o pleno académico, tras a votación marcada polos Estatutos da Academia, elixiu como novos
académicos numerarios a José Luis Castro de Paz, historiador de cine e catedrático de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago, na sección de Artes da Imaxe; ao ceramista, escultor, pintor e docente Xavier Toubes Vilariño, na sección de Escultura; e ao arquitecto Fernando Agrasar Quiroga, na sección de Arquitectura.
Tamén se elixiron aos novos académicos correspondentes: a compositora Cristina Pato; o compositor Octavio Vázquez; e o catedrático emérito de Historia da Arte da Universidade de Sevilla, Gerardo Pérez Calero.
Traxectoria profesional de Celestino García Braña
Celestino García Braña (Mieres, Asturias, 1945) é un dos arquitectos, docentes e investigadores máis influentes da Galicia contemporánea. Ao longo de máis de cinco
décadas de traxectoria, o seu traballo soubo conxugar a práctica proxectual cunhaintensa labor académica, teórica e institucional centrada na conservación do
patrimonio, o urbanismo sostible e a reivindicación da arquitectura do Movemento Moderno. Aínda que naceu en Asturias, a súa vida persoal e profesional está
fondamente ligada a Galicia, e de xeito moi especial á cidade de Pontevedra, onde fixou a súa residencia e abriu o seu estudio tras titularse como arquitecto na
especialidade de Urbanismo pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid
en 1972. Actualmente reside en Oleiros, A Coruña.
Como arquitecto, afastouse dos xestos grandilocuentes para apostar por unha arquitectura silenciosa, rigorosa e fondamente respectuosa coa paisaxe e coa memoria
construída. A súa produción arquitectónica abrangue tanto obra nova de equipamento público e vivenda coma intervencións exemplares de rehabilitación patrimonial.
Porén, é no diálogo coa historia e coa paisaxe onde a súa pegada resulta máis recoñecible, con obras de referencia como a rehabilitación dos casaríos de Igrexa Vella
en Triacastela para albergues de peregrinos en 1994; a reforma de edificios históricos do Museo de Pontevedra entre 1999 e 2002; ou a sede do Colexio Oficial de
Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Pontevedra. A este legado súmanse actuacións clave na rexeneración do litoral, como a ordenación e recuperación
ambiental da contorna da praia da Lanzada, coa que demostrou como a arquitectura pode dialogar con espazos naturais fráxiles sen alteralos.
A traxectoria de Celestino García Braña foi distinguida en múltiples ocasións, tanto pola calidade dos seus edificios como pola súa achega teórica. Galardóns como o Premio COAG de Arquitectura polo albergue de peregrinos de Triacastela, en 1994; o Premio Julio Galán Carvajal en 1997 pola rehabilitación da igrexa e claustro de San Francisco, en Pontevedra; finalista do Premio Nacional de Arquitectura Española polo albergue de peregrinos de Bendoiro, en Lalín, en 2005; o Premio Europeo á Rehabilitación Addipa polo Mosteiro de Caaveiro, en 2015; así como outros recoñecementos institucionais á súa carreira, como o Premio á Excelencia e Compromiso Social 2026 da Unión Profesional de Galicia, avalan o seu papel como unha figura imprescindible para comprender a evolución do urbanismo contemporáneo e a defensa do patrimonio en Galicia.
Paralelamente ao exercicio libre da profesión, Celestino García Braña desenvolveu unha dilatada carreira universitaria como profesor titular de Composición Arquitectónica na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, onde contribuíu a formar varias xeracións de profesionais galegos. Froito desta faceta académica e investigadora son numerosas publicacións e ensaios fundamentais para entender a historia construtiva do noroeste peninsular, entre os que sobresaen os seus estudos sobre a arquitectura moderna en Asturias, Galicia, Castela e León, así como rigorosas monografías dedicadas a figuras históricas da talla do arquitecto barroco Domingo de Andrade.
O seu prestixio intelectual e profesional levouno ademais a ocupar postos de máxima responsabilidade na representación do colectivo e na defensa da cultura. Foi
presidente da Delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia entre 1984 e 1986, e décadas máis tarde, entre 2005 e 2011, asumiu o cargo de
decano autonómico da institución, unha etapa na que impulsou intensamente o debate sobre a ordenación do territorio e a calidade arquitectónica no país. Así mesmo, presidiu a Fundación DOCOMOMO Ibérico, liderando o labor de documentación e protección da arquitectura moderna en España e Portugal, e ingresou como membro numerario na sección de Arquitectura da Real Academia Galega de Belas Artes, desde onde continúa participando activamente na salvagarda do legado cultural galego.
